A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá as instalacións da academia A Mariña en Burela, para participar nunha nova xornada para coñecer de primeira man as demandas e necesidades do sector, dentro do deseño da nova convocatoria do Executivo galego das accións formativas para persoas desempregadas (cursos AFD). Este encontro dá continuidade a outros realizados en distintas zonas de Galicia e con eles a Xunta promove a participación do tecido produtivo da comunidade neste proceso.
Segundo destacou a directora xeral, o obxectivo é facilitar a identificación de prioridades dentro da aposta que está a facer a Xunta por axustar a formación laboral ás necesidades das empresas. Deste xeito, poténciase a eficacia das políticas activas de emprego, avanzando cara a un sistema máis dinámico e capaz de axilizar a cobertura das necesidades de talento das empresas. No referido aos cursos AFD, Zeltia Lado sinalou que as xornadas como a de hoxe en Burela diríxense a recoller propostas e prioridades do tecido produtivo para definir as accións formativas que se impartirán a través da futura nova convocatoria desta liña de apoios autonómicos, co obxectivo de aliñar de forma máis eficaz e áxil a oferta formativa coa realidade do tecido produtivo galego.