A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá en Santiago de Compostela na Asemblea xeral da Confederación Española de Empresas de Formación (Cecap), nunha nova xornada de posta en común e para coñecer de primeira man as demandas e necesidades do sector, dentro do deseño da nova convocatoria do Executivo galego das accións formativas para persoas desempregadas (cursos AFD).
Esta nova xornada súmase ás xa celebradas en Ferrol e en Vigo, nas que a Xunta busca que o tecido produtivo da comunidade poida formar parte deste proceso de participación pública. A directora xeral remarcou que o obxectivo é facilitar a identificación de prioridades dentro da aposta que está a facer a Xunta por axustar a formación laboral ás necesidades das empresas e potenciar deste xeito a eficacia das políticas activas de emprego, avanzando cara a un sistema máis dinámico e capaz de axilizar a cobertura das necesidades de talento das empresas. No referido aos cursos AFD, Zeltia Lado sinalou que estas xornadas diríxense a recoller propostas e prioridades do tecido produtivo para definir as accións formativas que se impartirán a través da futura nova convocatoria desta liña de apoios autonómicos, co obxectivo de aliñar de forma máis eficaz e áxil a oferta formativa coa realidade do tecido produtivo galego.