José González puxo de relevo que o Goberno galego traballa no futuro decreto de microcredenciais para o traballo co fin de blindar un modelo formativo áxil e axeitado ás necesidades das empresas

Salientou o apoio autonómico ás unidades formativas en empresas -como as de Stellantis Vigo- con compromiso de contratación de persoas desempregadas e a colaboración cos clústeres como Ceaga para a mellora da cualificación profesional

Valorou o compromiso desta empresa para aumentar o número de mulleres nos distintos niveis profesionais, ámbito para o que o Executivo conta coas axudas para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe Stellantis Vigo e mantivo unha reunión co seu director, José Luis Alonso Mosquera, e outros representantes do equipo de dirección.

Durante a xuntanza o conselleiro puxo de relevo a aposta da Xunta pola formación flexible -en liña do que promove a Unión Europea- e adaptada ás necesidades do sector da automoción, clave no desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Un aspecto clave, incidiu, para reforzar a súa competitividade a través da captación e retención de talento para atender as necesidades de perfís cualificados do tecido empresarial galego. Neste ámbito, lembrou que o Goberno autonómico traballa nun pioneiro decreto de microcredenciais para o traballo co fin de blindar un modelo formativo áxil e axeitado ás necesidades das empresas.

Ademais, púxose de relevo o apoio da Xunta ás unidades formativas en empresas, como as de Stellantis, con compromiso de contratación de persoas desempregadas. A convocatoria deste ano destas achegas está dotada con 8 M€ e aberta ata o 30 de setembro. No caso de Stellantis Vigo, desde o 2018 este programa autonómico apoiou a formación de máis de 6.500 persoas que foron contratadas.

Dentro desta aposta tamén se enmarca a colaboración da Xunta cos clústeres como Ceaga, ao que pertence Stellantis Vigo, para cualificar a persoas, tanto ocupadas como desempregadas, en ámbiros de interese dos distintos sectores. Neste caso concreto do sector da automoción, esta colaboración contou cun orzamento autonómico de máis de 360.000 euros para formar a máis dun milleiro de persoas naqueles ámbitos máis estratéxicos para o sector. Súmanse ás preto de 4.200 persoas que participaron nestas accións froito da colaboración con este cluster desde 2022.

Contratación de mulleres en sectores masculinizados

Na reunión tamén se valorou o compromiso de Stellantis Vigo para aumentar o número de mulleres nos distintos niveis profesionais da empresa. Este é un obxectivo común ao que a Xunta busca coas axudas para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, explicou o titular de Emprego. Esta iniciativa estreouse o ano pasado facendo especial fincapé en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido e este ano inclúse, cunha dotación específica de 1,7 millóns de euros, no programa Galicia Emprega, que ten como fin incentivar a contratación nos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego do Goberno galego.

Diálogo social

O conselleiro subliñou que para avanzar nos retos do mercado laboral galego é fundamental a colaboración público-privada e a negociación colectiva. Neste ámbito, destacou a mesa de traballo de industria creada dentro do Diálogo Social e que abarca unha parte específica do sector da automoción. O obxectivo, sinalou, é que esta ferramenta sexa un fiel reflexo da realidade laboral e que responda ás necesidades de todos os sectores, entre eles o da automoción. Con ese fin, a Xunta busca institucionalizar as Mesas de Diálogo Social a través dun futuro decreto que estableza a súa composición e funcionamento.

A visita do conselleiro a Stellantis enmárcase na aposta da Xunta pola colaboración público-privada a prol do crecemento socioeconómico de Galicia e nela José González realizou un percorrido polo taller de Montaxe 2 e polo centro de formación.

Loading...