O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria destas achegas, cuxo prazo estará aberto desde o vindeiro 20 de xuño ata o 15 de setembro

As entidades beneficiarias poderán acceder a anticipos do 80% co fin de facilitar o financiamento dos proxectos deste modelo económico que xera emprego de calidade

Esta iniciativa apoia a transformación nestas fórmulas da economía social das empresas sen remuda xeracional, das sociedades mercantís, da unión de persoas autónomas ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras

Na edición deste ano, o Executivo autonómico estima poder beneficiar arredor dun cento de entidades a prol dun modelo de negocio sustentable no tempo, resiliente solidario e cunha organización onde a prioridade son as persoas e os obxectivos sociais

Con este programa, o Goberno galego subvenciona ata o 80% dos custos das sociedades laborais e cooperativas constituídas por ausencia de remuda xeracional

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas de 2025 para a creación de cooperativas ou sociedades laborais, cuxo prazo de solicitude abrirá o vindeiro venres 20 de xuño ata o 15 de setembro. A convocatoria deste ano, dotada con máis de 2,3 M€, apoia entre outros casos, a transformación dos negocios sen remuda xeracional en cooperativas ou sociedades laborais co fin de manter en funcionamento as actividades que son rendibles. As entidades que resulten beneficiarias poderán recibir como anticipo o 80% da achega concedida co obxecto de axilizar e facilitar o financiamento dos proxectos deste modelo económico, que xera emprego estable e de calidade, unha maior vinculación co territorio e unha mellora no benestar social.

Estas achegas tamén promoven a creación de cooperativas ou sociedades laborais a partir de todo tipo de sociedades mercantís, da unión de persoas traballadoras autónomas ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma. En concreto, están dirixidas ás sociedades ou cooperativas creadas nos tres anos anteriores á data da presentación da solicitude e constituídas nestes casos mencionados e, coa convocatoria deste ano, o Executivo autonómico estima que poidan beneficiarse arredor dun cento de entidades. Deste xeito, promove estas dúas fórmulas da economía social que son un modelo de negocio sustentable no tempo, resiliente, solidario e cunha organización onde a prioridade son as persoas e os obxectivos sociais.

Detalles da convocatoria

Con este programa, a Administración autonómica subvencionará ata o 80% dos custos para o caso de sociedades laborais e cooperativas constituídas por ausencia de remuda xeracional e ata o 60% para as formadas por persoas autónomas ou por transformación de sociedades mercantís, sendo 46.000 euros o límite máximo por entidade beneficiaria.

Entre os custos subvencionables están os relacionados co asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; para desenvolvemento da imaxe corporativa; obtención de certificacións de calidade; marketing, comunicación ou relanzamento comercial; ou plan de protección de datos. Os apoios abranguen tamén os gastos realizados en equipamento informático e outros, desenvolvemento web, melloras na eficacia enerxética, reformas e mobiliario dos locais e elementos de transporte, entre outros.

As contía da axuda incrementarase en 2.000 euros se a sede social da entidade beneficiaria está situada nun concello rural, no caso das entidades beneficiarias que estean formadas maioritariamente por mulleres e se a actividade económica da nova entidade beneficiaria é un sector no que as mulleres se atopen subrepresentadas. Tamén no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas maiores de 45 anos, por persoas con discapacidade ou por persoas trans.

Pulo á economía social

Na edición do ano pasado resultaron beneficiarias destas axudas un total de 60 entidades, delas 39 son novas cooperativas e 21 novas sociedades laborais, que se constituíron na súa maioría por persoas autónomas. Esta iniciativa enmárcase na aposta do Executivo galego a prol da economía social, ámbito para o que este ano ten orzamentados case 45 M€ e no que impulsou a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027, coa que se estima crear 4.000 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades.

Esta estratexia tamén abarca os apoios para incrementar a competitividade das diferentes entidades, entre eles o programa Aprol Economía Social (5 M€), o Bono consolida (máis de 2,7 M€); os apoios específicos para as entidades colaboradoras da rede Eusumo, aos que este ano se destinan 690.000 €, e as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector (330.000 euros).

 

Loading...