Destaca os puntos de encontro cos empresarios e os seus representantes para a mellora da economía galega

A Xunta leva mobilizados máis de 530 millóns de euros neste exercicio para apoiar directamente o tecido empresarial, mediante liñas de axuda ao investimento, á innovación, á dixitalización ou á internacionalización.

Adianta os aspectos que centrarán a súa participación na Conferencia de Presidentes, como son o modelo de financiamento autonómico e a modernización das redes de distribución eléctrica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na clausura da Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde reafirmou o compromiso do Goberno galego co tecido produtivo da Comunidade e co papel fundamental das empresas no desenvolvemento económico e social do país.

Na súa intervención, Rueda destacou a relevancia desta organización empresarial como “interlocutora” cualificada e voz do tecido empresarial galego desde a súa creación en 1981 e salientou a recente reelección do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, ao que agradeceu “que conte coa Xunta”.

O presidente subliñou os “puntos de encontro” cos empresarios e os seus representantes para que “a Galicia lle vaia ben”. Nesta liña, Rueda salientou a importancia da colaboración público-privada e o diálogo para chegar a “acordos e avances” nun escenario que conta con retos como o “absentismo laboral” ou a “axilización administrativa”.

O xefe do Executivo autonómico fixo referencia aos principais indicadores económicos para ilustrar a boa evolución da economía galega. Galicia, segundo explicou, xa supera en máis dun 11% o nivel de PIB previo á pandemia (tres puntos por riba da media estatal), e presenta unha produción industrial e unha dinámica empresarial superiores ás do conxunto de España. Tamén salientou que a Comunidade rexistrou no primeiro trimestre de 2025 a taxa de paro máis baixa desde 2008.

A Xunta leva mobilizados máis de 530 millóns de euros neste exercicio para apoiar directamente o tecido empresarial, mediante liñas de axuda ao investimento, á innovación, á dixitalización ou á internacionalización.

Durante a súa participación no acto, Rueda tamén avanzou aspectos da súa participación esta mesma semana na Conferencia de Presidentes que se celebrará en Barcelona, onde apuntou a que agarda “que sexa útil” e onde defenderá os intereses de Galicia en materia de vivenda, formación profesional, infraestruturas enerxéticas, implantación de industrias “con seguridade”, infraestruturas, un novo modelo de financiamento autonómico ou a inmigración “con traballo estable”.

Loading...