José González salientou a importancia da colaboración público-privada para seguir dinamizando o mercado laboral galego, que roza o máximo de afiliacións e acada o mínimo de desemprego tal e como referendan os datos publicados este martes

Remarcou que o programa autonómico Galicia Emprega inclúe axudas específicas para promover a contratación das mulleres e a xente nova, así como para impulsar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados

Explicou que para atender aos retos de cobertura de vacantes e da remuda xeracional, o Goberno galego desenvolve medidas para potenciar o mercado laboral interno e, en paralelo, para atraer talento exterior, co foco posto nos emigrantes galegos

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe a aposta da peme GSI Dotación Industrial pola empregabilidade feminina e da mocidade, colectivos prioritarios nas políticas de emprego da Xunta, subliñou. Neste sentido, salientou medidas como o programa Galicia Emprega, dotado nesta edición con preto de 20 M€ e que promove a contratación nas empresas de persoas desempregadas pertencentes aos colectivos prioritarios. De feito inclúe axudas específicas para incentivar a empregabilidade das mulleres e da xente nova, así como para impulsar a presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados.

Así o sinalou no acto de conmemoración do 25 aniversario de GSI Dotación Industrial, ao que tamén asistiu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez. Alí, José González tamén puxo de relevo a importancia da colaboración público-privada para afrontar retos do tecido empresarial como a cobertura de vacantes, a remuda xeracional ou o absentismo laboral inxustificado.

Ademais, subliñou o papel da Xunta como administración facilitadora do labor das empresas para para seguir fortalecendo o mercado laboral que roza o máximo histórico de afiliacións e acada o mínimo de desemprego desde que hai rexistros, tal e como reflicten os datos do mes de maio. De aí, subliñou, o compromiso da Xunta co Diálogo Social no pulo de medidas que parten da realidade do tecido produtivo.

Cobertura de vacantes e pulo á remuda xeracional

En relación cos retos da cobertura de vacantes e a necesaria remuda xeracional, explicou o labor do Executivo autonómico en dúas liñas complementarias. Unha delas dirixida a potenciar o mercado laboral interno para favorecer o conexión das oportunidades laborais, tanto coa poboación desempregada como coa ocupada, con accións como a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia e o pulo á flexibilidade da formación para o emprego, ámbito no que Galicia traballa nun futuro decreto de microcredenciais para o traballo. No caso da mocidade, salientou a aposta do Executivo galego pola incorporación de talento novo coa futura Estratexia Mocidade Activa, que abarcará unha batería de medidas destinadas a este fin.

A outra das liñas céntrase na atracción de talento co foco posto nos galegos do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna e tamén con medidas aos traballadores procedentes de terceiros países, con accións como os convenios asinados con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para facilitar migración laboral ordenada.

GSI Dotación Industrial

En relación a GSI Dotación Industrial, o conselleiro felicitou á empresa polos seus 25 anos de traxectoria e polo seu crecemento. Esta peme fundouse no ano 2000, ten a sede en Lalín e está especializada no subministro industrial, centrando a súa actividade principal no comercio por xunto de produtos de ferretería, fontanaría e calefacción. Ademais, conta coa filial GSI Distribuição en Portugal, xera emprego directo para máis de 50 persoas, cunha media de idade de 38 anos, e destaca pola presenza feminina, que supón máis do 50% da plantilla.

No acto de hoxe de conmemoración do 25 aniversario desta compañía celebrado esta tarde tamén participou o comunicador Luís Boyano e incluíu a celebración da mesa redonda Da adversidade á superación, moderada polo xornalista José Ribagorda e que contou coa participación da escritora, xornalista e conferenciante Irene Villa; da padexeira Teresa Portela, e da atleta paralímpica Desirée Vila.

Loading...