A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá en Ferrol nun encontro con representantes do tecido produtivo da comarca ferrolá para coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades dentro do deseño da nova convocatoria do Executivo galego das accións formativas para persoas desempregadas (cursos AFD).

A directora xeral remarcou a importancia deste proceso de participación pública, definindo estas sesións informativas como un espazo de colaboración para facilitar a identificación de prioridades dentro da aposta que está a facer a Xunta por axustar a formación laboral ás necesidades das empresas co obxectivo de potenciar a eficacia das políticas activas de emprego, avanzando cara a un sistema máis dinámico e capaz de axilizar a cobertura das necesidades de talento das empresas. No referido aos AFD, sinalou Zeltia Lado, a xornada celebrada hoxe en Ferrol —que terá continuidade mañá en Vigo, e en vindeiras semanas noutros puntos de Galicia—, dirixiuse a recoller propostas e prioridades do tecido produtivo para definir as accións formativas que se impartirán a través da futura nova convocatoria desta liña de apoios da Xunta, co obxectivo de aliñar de forma máis eficaz e áxil a oferta formativa coa realidade do tecido produtivo galego.

Loading...