O Goberno galego outorga este distintivo a 207 pemes que participaron na 4ª edición deste programa co que reciben asesoramento e ferramentas para a transformación a un modelo de negocio ambiental, social e economicamente sostible

José González salientou que se trata do primeiro proxecto destas características en España e desde o seu inicio, no 2016, máis de 620 pemes obtiveron o selo Responsabilízate

Sinalou que para seguir afondando neste modelo e garantir o seu éxito a longo prazo é fundamental seguir afondando nel no marco do Diálogo Social sobre o que o Executivo autonómico está dando pasos para institucionalizar cun futuro decreto

Lembrou que a Xunta está a aplicar a Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025 e que conta con axudas a pemes e autónomos para implantar medidas de igualdade laboral, conciliación e de responsabilidade social

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe a importancia da colaboración público-privada para avanzar nun modelo empresarial nos eidos social, ambiental e económico e potenciar a Galicia como terra de oportunidades. Así o sinalou na clausura do acto de entrega do selo ás 207 pequenas e medianas empresas que participaron na 4ª edición do programa Responsabilízate e relacionadas con actividades como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC e o turismo, entre outros.

Alí o conselleiro explicou que o programa Responsabilízate se enmarca no papel da Xunta como Administración facilitadora, xa que con el asesora ás pemes de maneira personalizada e gratuíta e dótaas de coñecementos e ferramentas necesarios para a transformación a un modelo de negocio ambiental, social e economicamente sostible. De feito, desde o seu inicio no 2016 máis de 620 obtiveron o selo Responsabilízate e salientou o incremento progresivo de participación das empresas en cada edición.

Ademais, José González subliñou que se trata do primeiro proxecto destas características en España para o acompañamento integral, formación e asesoramento en implantación da sustentabilidade orientado a pemes e microempresas. Isto converte as que acadaron o selo en pioneiras en avanzar a un concepto negocio sostible, responsable, comprometido cos valores ambiental, social e de gobernanza (ASG) e adiantada ás tendencias normativas, subliñou.

Pulo ao Diálogo Social a prol do benestar laboral

O conselleiro sinalou que iniciativas coma esta reflicten o compromiso de Galicia coa sostibilidade empresarial a prol do benestar laboral e para seguir afondando neste modelo e garantir o seu éxito a longo prazo é fundamental seguir afondando nel no marco do Diálogo Social. Con ese fin a Xunta está dando pasos para institucionalizalo cun futuro decreto que establecerá a composición, organización e funcionamento da mesa de Diálogo Social. Explicou que este é o marco para responder conxuntamente -empresas, representantes dos traballadores e administracións- a retos do mercado laboral. Entre outros, a cobertura de vacantes, a prevención dos riscos laborais ou o absentismo laboral inxustificado, este último cun grupo específico na mesa de Diálogo Social.

Outros apoios á responsabilidade empresarial

No marco dese enfoque global de apoio á responsabilidade empresarial, José González lembrou que a Xunta está a aplicar a Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025. Ao abeiro do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, búscase promover así que as empresas medren atendendo de forma equilibrada ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno. Outros apoios do Goberno galego neste ámbito son os destinados a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

En canto ao evento de hoxe de Responsabilízate, antes da entrega dos selos houbo o relatorio A sustentabilidade decídela ti, a cargo do fundador e presidente da empresa de enerxía renovable Ecoener, Luis de Valdivia e o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, encargouse de expoñer os resultados da IV edición do Programa Responsabilízate. Tamén incluíu unha mesa de diálogo, moderada polo director de Gobernanza e Reporting de Valora Consultores, Daniel Domínguez, e na que participaron o director xeral de Insertega, Juan Meijide; a socia e asesora de Calidade de Bodega Terra de Asorei, Elisa Rubí, e a avogada de estranxeiría de Talento Grupo Internacional, Sara González. Ademais, neste acto estiveron, entre outros, os directores xerais de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente do instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, ademais dos representantes das empresas que recibiron o selo.

Loading...