O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde 2025 destes apoios da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, dotados con preto de 6,3 M€, máis de 2 M€ máis que o ano anterior

Inclúe dúas liñas de axudas, unha para a contratación de mozas e mozos con titulación e outra para os que non dispoñen de cualificación acreditable, ambas modalidades a tempo completo e por un período de doce meses

As empresas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o martes 27 de maio ata o 30 de setembro de 2025

Esta medida súmase a outras do Goberno galego para fomentar o emprego xuvenil como os programas Investigo (4,8 M€) ou o Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€) e enmárcanse na futura Estratexia Mocidade Activa, que impulsará o Executivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de 2025 do programa 1ª experiencia profesional, unha orde dotada con 6,3 M€, máis de 2 M€ máis que o ano anterior, coa que o Goberno autonómico prevé incentivar a contratación 650 menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens.

A través destas achegas, apoiarase a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade. Neste sentido, o obxectivo do Executivo autonómico é mellorar a empregabilidade da mocidade —un dos colectivos prioritarios nas políticas de emprego— atendendo as demandas do tecido empresarial e, ao mesmo tempo, contribuír a reter o seu talento en Galicia.

Detalles da convocatoria

A convocatoria inclúe dúas liñas de axuda. Unha delas para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional e outra para brindar unha oportunidade tamén a quen carezan de cualificación profesional recoñecida. En ambos casos, os contratos formativos que se concerten deben ir dirixidos a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se atopen en situación de desemprego e con inscrición no Servizo Público de Emprego.

Deste xeito, facilitaráselles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego abrindo camiño á súa inserción laboral xa que, unha vez rematado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable. Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 segundo ese criterio.

As empresas interesadas en optar ás axudas —calquera que sexa a súa forma xurídica— terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 27 de maio ata o 30 de setembro de 2025.

Futura Estratexia mocidade activa

O Programa 1ª experiencia profesional forma parte da batería integral de accións autonómicas para fomentar o emprego xuvenil. A futura Estratexia mocidade activa na que traballa a Xunta abarca este tipo de medidas e está dotada con 20 M€, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Dentro dela tamén se enmarcan outras iniciativas como o Programa Investigo, que promove a contratación de investigadores e tecnólogos menores de 30 anos, persoal técnico e outros profesionais en I+D+i, cun orzamento global de 4,8 M€, e Galicia Emprega Mozos, cun orzamento en 2025 de arredor de 3,5 M€ —iniciativa englobada na convocatoria de Galicia Emprega dotada con preto de 20 M€ e aberta ata o 30 de setembro—.

Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250520/AnuncioG0767-060525-0001_gl.html
Loading...