A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou a asemblea xeral ordinaria de EspazoCoop, á que tamén asistiu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández

Ademais, a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou na mesa de diálogo para abordar a colaboración público-privada no financiamento das cooperativas

Marta Mariño puxo en valor o cooperativismo como un piar clave dentro da aposta do Goberno galego pola economía social, ámbito para o que este ano ten orzamentados case 45 millóns de euros

A directora do Igape, Covadonga Toca, salientouque a maioría das liñas do instituto están abertas ás cooperativas, así como o acompañamento que se promove a través da Oficina Económica de Galicia

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, clausurou hoxe a asemblea xeral ordinaria da Unión de Cooperativas EspazoCoop na que se conmemorou o Ano Internacional das Cooperativas e á que tamén asistiu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, quen participou na mesa de diálogo para abordar a colaboración público-privada no financiamento das cooperativas.

Marta Mariño puxo de relevo o auxe do cooperativismo —unha das principais familias da economía social— como fórmula a prol da igualdade e a promoción do emprego, tal e como reflicte o informe da Rede Eusumo relativo ao 2024. Esta análise sinala que o ano pasado se crearon en Galicia 150 novas cooperativas cun total de 406 persoas socias promotoras, cunha distribución das persoas socias promotoras, do 49% de mulleres e do 51% de homes.

O 2025 foi declarado pola ONU Ano Internacional das Cooperativas baixo o lema As cooperativas constrúen un mundo mellor e, ademais de ser motivo de celebración na asemblea de EspazoCoop, nela tamén se recoñeceron cooperativas con máis de 20 anos de traxectoria. Nesta liña, a directora xeral salientou que o Goberno galego seguirá impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un piar clave da economía galega dentro da súa aposta pola economía social, ámbito para o que este ano ten orzamentados case 45 millóns de euros e no que impulsou a Estratexia galega da economía social: horizonte 2027. Así mesmo —e coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas— a Xunta avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual e ao futuro da nosa Comunidade, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes, dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas.

Medidas a prol do financiamento das cooperativas

Pola súa banda, a directora do Igape, Covadonga Toca, salientou que a maioría das liñas do instituto están abertas ás cooperativas, o que representa unha oportunidade real, pero tamén require dun acompañamento técnico eficaz, como o que se promove a través da Oficina Económica de Galicia. A diversidade do sector implica necesidades moi distintas: “mentres as cooperativas máis pequenas precisan liquidez e condicións flexibles, as máis consolidadas demandan instrumentos máis sofisticados para medrar, innovar ou internacionalizarse”, sinalou.

A través dos convenios con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca ou as liñas directas para grandes investimentos, e con iniciativas complementarias como ReAcciona ou Galicia Exporta, o Igape quere garantir que as cooperativas dispoñan das ferramentas necesarias para innovar, crecer e internacionalizarse. “Queremos ofrecer un modelo de apoio integral que combine financiamento, asesoramento e acompañamento técnico, e que responda á realidade diversa do cooperativismo galego, favorecendo o seu papel como motor de desenvolvemento económico e social no noso territorio”, concluíu.

 

 

Loading...