Lara Meneses erixe esta acción como un “piar fundamental” para mellorar as oportunidades de emprego da xente nova e rexuvenecer o tecido produtivo.

O proxecto contará cunha oficina itinerante de asesoramento e ofrecerá intercambios laborais transfronteirizos.

Levará a cabo accións de apoio e capacitación para mellorar as competencias dixitais, de innovación e de emprendemento.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentaron hoxe na cidade olívica o lanzamento do programa de cooperación transfronteiriza co Norte de Portugal Desafíos Jovens, que conta con máis de 1,3 millóns de euros para “favorecer e potenciar a inclusión da mocidade nos mercados de traballo de Galicia con esta rexión lusa”.

A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que este proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), se vai converter nun “piar fundamental para incrementar as oportunidades de emprego da xente nova, afianzar a poboación e rexuvenecer o tecido produtivo de ambos lados da raia”. Neste senso, explicou que as iniciativas se van centrar no ámbito rural e desde unha perspectiva de “inclusión e de xénero”, polo que se priorizará tamén a inserción laboral das mulleres mozas. Deste xeito, adiantou que estas medidas van procurar “mellorar as súas competencias dixitais, de innovación e de emprendemento”.

Ao respecto, Lara Meneses considerou que o esforzo sobre estes sectores poboacionais é “clave para o emprendemento e a xeración de novas empresas, xa que son axentes de rexeneración económica estable”. Para iso, precisou que o obxectivo será que poidan crear o seu propio posto de traballo ou facilitarlles a súa integración laboral en sectores con potencial neste marco territorial transfronteirizo, “con especial atención á economía verde e a social”.

Oficina itinerante e intercambios laborais

A responsable de Xuventude avanzou que un dos “puntos innovadores” deste programa será o de “ir na procura dos posibles participantes potencias”. Deste xeito, adiantou que se contará cunha oficina itinerante de asesoramento “para dar unha atención específica e apoialos no acceso dunha aprendizaxe permanente”.

Para iso, indicou que se lle facilitarán a formación coa posta en marcha de intercambios laborais entre Galicia e o Norte de Portugal, a través de prácticas e fomentando a cooperación entre os sectores públicos e privados. “A mellora da dinámica deste mercado laboral permitirá expandir os horizontes económicos e sociais do mundo rural desta eurorrexión”, puxo en valor Meneses, ao tempo que se amosou convencida con que, desa forma, “se incrementará o atractivo destas áreas, con traballos que reteñan o talento innovador e que aumenten as posibilidades de conciliación, paliando a perda de habitantes deste territorio”.

 

Loading...