A delegada territorial de Ferrol, visitou esta mañá a nave de San Marcos, en Fene, onde os 13 participantes neste itinerario están a recibir formación na especialidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial
Trátase dunha iniciativa posta en marcha conxuntamente polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos e que conta cun financiamento autonómico de 448.967 euros
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou esta mañá aos 13 alumnos que actualmente están a cursar o Obradoiro de Garantía Xuvenil Inicia VIII, un programa para mozas e mozos en situación de desemprego, incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que a Xunta financia con 448.967 euros.
Durante a visita na que tamén estivo presente a nova alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, Aneiros puido comprobar o grao de satisfacción dos participantes coa iniciativa que se imparte na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e animounos a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as súas posibilidades de empregabilidade. “A formación que estades a recibir é unha ventá ao mercado laboral porque as empresas da nosa comarca precisan de xente formada e cualificada e aí podedes atopar a vosa oportunidade”, alentounos a responsable do Goberno galego.
Os participantes, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes -Fene, Ares, Cabanas e Mugardos-, como a instalación de tubos para conformar varandas en Ares; a confección dunha base modular para escenario no concello de Cabanas ou a execución de recintos para colectores de recollida de lixo en Mugardos.
A delegada territorial aproveitou a ocasión para poñer en valor o compromiso da Xunta coa xeración de emprego nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a formación das persoas en situación de desemprego a través de programas formativos como o que se está a impartir en Fene “orientado a cubrir as demandas reais do entorno o que permite unha integración laboral máis alta”, destacou.