A visita enmárcase nas actividades da Semana da Administración Aberta 2025, unha iniciativa global promovida pola Alianza para o Goberno Aberto á que Galicia se suma un ano máis para fomentar o achegamento da cidadanía á administración pública

González destacou que os principios de transparencia, participación e colaboración se materializan á perfección en iniciativas coma a Rede de polos a través de proxectos reais, liderados por persoas emprendedoras comprometidas co seu territorio

O Polo do Porriño, un dos tres activos na provincia de Pontevedra xunto cos de Silleda e Vilanova de Arousa, xa asesorou preto de 700 proxectos desde a súa posta en marcha, dos que arredor dun 60 % están liderados por mulleres

Ademais, no total dos 15 polos espallados por toda a Comunidade, xa se prestou axuda a preto de 4.000 iniciativas e se realizaron arredor de 11.200 titorías

Este asesoramento gratuíto complétase con axudas económicas como a liña de achegas para novos emprendedores, dotada con 6,7M€ e que abre mañá o prazo de solicitudes deica o vindeiro 30 de xuño

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá as instalacións do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, un dos tres en funcionamento na provincia de Pontevedra —xunto cos de Silleda e Vilanova de Arousa—e que xa leva contribuído desde a súa posta en marcha á creación de preto de 50 iniciativas empresariais con impacto na súa contorna.

A visita —na que tamén estivo presente o alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo— enmárcase no programa de actividades da Semana da Administración Aberta 2025, unha iniciativa promovida pola Alianza para o Goberno Aberto á que Galicia se suma un ano máis para promover o achegamento da cidadanía á administración pública. Así, no marco da posta en valor dos principios de transparencia, participación e colaboración, José González puxo en consideración espazos como o Polo do Porriño, onde estes valores, sinalou, se materializan en proxectos reais, liderados por persoas emprendedoras comprometidas co seu territorio.

O titular de Emprego destacou o impacto desta iniciativa autonómica, que na actualidade conta xa con 15 polos activos, espallados por toda a xeografía galega —con especial foco no rural—, onde se presta de xeito gratuíto asesoramento a calquera persoa que desexe emprender un negocio ou consolidar o que xa ten. Así, destacou que no total de Galicia, lévanse asesoradas preto de 4.000 iniciativas, 1.200 na provincia de Pontevedra. Só no Porriño, atendéronse arredor de 700 proxectos de emprendemento en diferentes etapas de desenvolvemento e contribuíuse á creación de medio cento de entidades xurídicas. Ademais, realizáronse 1.380 titorías coas persoas emprendedoras —un 60 % delas, mulleres— e arredor de 60 actividades, entre reunións, formacións e eventos. Por sectores, na actividade do Polo predomina o comercio (14%), a hostalaría (11%) e os servizos (11%).

Axudas económicas para os novos emprendedores

José González destacou que a Rede de polos é o máximo expoñente do esforzo da Xunta a prol do emprendemento, xogando un papel fundamental na canalización, acompañamento e impulso de novos proxectos. O seu labor foi decisivo no recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025. Este eixo central da estratexia complétase con axudas económicas como a liña de achegas para novos emprendedores, dotada cun orzamento de 6,7M€ e que precisamente abre mañá o prazo de solicitudes, deica o 30 de xuño. Os apoios pode chegar ata os 35.000€ e a intensidade das axudas contempla un reforzo adicional do 10 % para iniciativas de remuda xeracional.

Pulo ao ecosistema do emprendemento en Galicia

José González salientou que o compromiso co emprendemento en Galicia —eido ao que se destinan 32M€ en 2025— avanza apostando pola coordinación de esforzos, pola especialización, atendendo aos sectores estratéxicos de cada territorio, e pola visión transversal, creando sinerxías co emprego, o comercio e o retorno dos galegos do exterior. De feito, a Rede actúa como escaparate de proxectos de remuda —poñendo en contacto ás persoas que deixan un negocio coas interesadas en facerse cargo del— e é un catalizador do emprendemento retornado. En paralelo, a Xunta avanza no desenvolvemento de proxectos que reforzan todo o ecosistema. Entre eles salienta a 2ª edición de Fixar, afondando no modelo dos coliving como dinamizador territorial do rural. Tamén a nova andaina de Xerme, impulsada co Clúster do Ecommerce Galego para apoiar iniciativas no ámbito do comercio electrónico; e Alento, que xunto ao Clúster da Comunicación de Galicia ofrece asesoramento especializado en márketing e comunicación.

Neste mesmo marco de apoio ao ecosistema emprendedor, hoxe o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitará as instalacións do Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Coworking de Ponteareas (Cedep).

Loading...