O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, resalta que a orde estará dotada de 6,3 M€, “un 50% máis que o ano anterior”
Enmarca esta medida na aposta da Xunta en apoiar á mocidade “no desenvolvemento dunha carreira profesional e un proxecto vital” na comunidade
Inclúe dúas liñas de axudas, unha para a contratación de mozos con titulación e outra para os que non dispoñen de cualificación acreditable, ambas as modalidades a tempo completo e por un período de doce meses
Esta medida súmase a outras do Goberno galego para fomentar o emprego xuvenil, como os programas Investigo (4,8 M€) ou o Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€), e enmárcanse na futura Estratexia Mocidade activa, que impulsará o Executivo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou hoxe de que a Xunta incrementa “nun 50%” o orzamento para o programa Primeira experiencia profesional co que se ofrecen “axudas ás empresas que contraten a menores de 30 anos”. Esta nova convocatoria, que saírá mañá publicada no Diario Oficial de Galicia, estará dotada de preto de 6,3 millóns de euros e a previsión é “que uns 650 mozos e mozas atopen un posto de traballo”, fronte aos 460 beneficiarios de 2024.
“A Galicia do mañá depende dos mozos e mozas de hoxe”, resaltou Calvo, quen incidiu na obriga da Administración en “facilitarlles o desenvolvemento dunha carreira profesional ou un proxecto vital nesta terra”.
Con ese fin, a través destas achegas, apoiarase a empregabilidade da mocidade mediante contratos formativos a tempo completo de doce meses de duración, dotándoa de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade. Neste sentido, o obxectivo do Executivo autonómico é mellorar a empregabilidade da mocidade -un dos colectivos prioritarios nas políticas de emprego- atendendo as demandas do tecido empresarial e, ao mesmo tempo, contribuír a reter o seu talento en Galicia.
Detalles da convocatoria
Tal e como explicou Calvo, a convocatoria inclúe “dúas liñas de axudas”. Unha delas “para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional” e outra para brindar unha oportunidade tamén a quen careza de cualificación profesional recoñecida. En ambos os casos, os contratos formativos que se concerten deben ir dirixidos a menores de 30 anos que residan en Galicia e que se encontren en situación de desemprego e con inscrición no Servizo Público de Emprego.
Deste xeito, facilitaráselles un período de práctica profesional acompañada dun proceso de formación para o emprego que abre camiño á súa inserción laboral, xa que, unha vez rematado o proceso, contarán coas competencias para poder acceder a un emprego estable. Coas axudas dáse cobertura aos custos salariais dos postos, con contías que van dos 9.975 euros aos 16.625 euros, segundo ese criterio.
As empresas interesadas en optar ás axudas -calquera que sexa a súa forma xurídica- terán de prazo para presentar as súas solicitudes desde o 27 de maio ata o 30 de setembro de 2025 e poderán consultar todos os detalles na orde que publicará mañá o DOG.
Futura Estratexia mocidade activa
O programa Primeira experiencia profesional foi unha das medidas anunciadas polo presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura e forma parte da batería integral de accións autonómicas para fomentar o emprego xuvenil. A futura Estratexia Mocidade activa, na cal traballa a Xunta, abrangue este tipo de medidas e está dotada con 20 M€, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Dentro dela tamén se enmarcan outras iniciativas como o Programa Investigo, que promove a contratación de investigadores e tecnólogos menores de 30 anos, persoal técnico e outros profesionais en I+D+i, cun orzamento global de 4,8 M€, e Galicia Emprega Mozos, cun orzamento en 2025 de arredor de 3,5 M€ —iniciativa englobada na convocatoria de Galicia Emprega dotada con preto de 20 M€ e aberta ata o 30 de setembro-.
Estes apoios vense reflectidos en feitos como os últimos datos da EPA, do primeiro trimestre deste ano, que mostra que a poboación xuvenil (16-29 anos) rexistrou 5.300 novos ocupados e, ademais, que a taxa de paro de menores de 30 anos é menor en Galicia (18,3) que no Estado (19,9). Ademais, as cifras do paro de abril reflicten unha redución no paro dos menores de 30 anos do -6,77%, co cal acada, con 12.913, a cifra máis baixa para un mes de abril desde que hai rexistros (2005).