O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, a directora xeral de Xuventude, a directora xeral de Promoción da Igualdade e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social participaron hoxe na nova xornada da iniciativa na Cidade da Cultura
No transcurso desta iniciativa artistas, promotores, técnicos e persoal de comunicación, exporán as súas experencias co gallo de instruír á mocidade que tente iniciar a súa carreira profesional no eido musical a través de eventos presencias e mentorías
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participaron esta tarde nunha nova xornada do proxecto O camiño do emprendemento musical, organizada por Wake Up co apoio do Executivo galego — a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego— e da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM). Con esta iniciativa preténdese introducir, instruír e mentorizar as mozas e mozos galegos que estean a barallar a industria musical e de eventos como unha saída profesional, compaxinando eventos presenciais coma este e mentorías con artistas e profesionais do sector.
Na xornada celebrada esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia, estiveron presentes máis de dez profesionais do sector, entre artistas e promotores, técnicos e persoal de comunicación e desenvolveuse en catro charlas-coloquios baixo os títulos de Como iniciar tu proyecto musical; Un festival desde dentro; Nuevos retos y desafíos de la industria musical e Galicia tierra de emprendimiento musical, onde expuxeron ante os participantes as súas experiencias no sector, co gallo de instruír e por en valor ás mozas e mozos que tenten iniciar a súa carreira profesional no eido musical.
Esta cita súmase ás celebradas previamente en marzo na Coruña e en abril en Vigo no marco deste proxecto -que conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude-. Trátase dunha iniciativa enmarcada no compromiso estratéxico do Goberno autonómico con potenciar as oportunidades laborais da mocidade, ao tempo que promove o espírito emprendedor entre a comunidade máis nova para avanzar no impulso de proxectos innovadores que dinamicen o territorio e impacten na xeración de riqueza e emprego