A provincia de Pontevedra conta con 20 obradoiros duais de emprego que forman a preto de 400 persoas desempregadas e que contan cun orzamento de máis de 8 millóns de euros
Reguera lembrou o éxito que demostraron ter este tipo de obradoiros duais nas edicións pasadas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Obradoiro de Emprego ‘Forme 2024’, no concello de Vilagarcía de Arousa.
Trátase dun obradoiro que formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira. Este obradoiro, que ten unha duración aproximada nove meses, é posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 412.000 euros. Así, o alumnado recibirá a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas respectivas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso. Ademais, estas prácticas reverterán a favor dos seus concellos, xa que os participantes realizarán traballos dentro dos seus municipios.
Cabe destacar que a provincia de Pontevedra conta con vinte obradoiros deste tipo que forman a case 400 alumnos e alumnas e que contan cun orzamento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Salnés, tamén se está a levar a cabo un obradoiro dual de emprego nos concello da Cambados e Vilanova de Arousa, ademais do que se realiza na Mancomunidade do Salnés.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar o “gran traballo que están a realizar tanto o corpo docente como os estudantes e que, de seguro, resultará en moitas oportunidades de inserción no mercado laboral”.
Reguera rematou a visita desexando sorte ao alumnado e destacando o “gran éxito que demostraron estes obradoiros en edicións pasadas, cunha taxa de empregabilidade moi alta”.