Asegura que comparten o obxectivo común de “consolidar Galicia coma un lugar atractivo” e capaz de aproveitar “as oportunidades que hai por diante”

Salienta a importancia de que Galicia ofreza “estabilidade, seguridade” e orzamentos en tempo e forma

A Xunta conta con diferentes iniciativas dirixidas a mellorar a competitividade das empresas coma os Centros de Alto Rendemento ou o programa Fórmate Internacional

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou este mércores no almorzo-coloquio Capacita Directivos, onde puxo en valor a importancia de que administracións e tecido empresarial colaboren para contribuír ao progreso da sociedade galega. “Galicia ten moitas oportunidades por diante”, salientou o titular do Goberno autonómico, quen asegurou que para aproveitalas é fundamental “consolidar esta terra coma un lugar atractivo”.

Nesta liña, salientou a importancia de que Galicia sexa un lugar “que ofrece estabilidade, seguridade” e uns orzamentos aprobados en tempo e forma así “coma un tecido empresarial unido”. Un contexto clave tendo en conta que a comunidade se atopa nun momento decisivo, cun crecemento económico por riba da media estatal, cifras de paro en mínimos históricos e sectores estratéxicos como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía ou a biomasas en plena expansión.

O presidente referiuse ao modelo de desenvolvemento que impulsa a Xunta, baseado na estabilidade institucional, na modernización sostible da economía e na posta en valor do capital humano. Nesa dirección enmárcanse iniciativas como os Centros de Alto Rendemento Empresarial, o programa Upskilling ou Fórmate Internacional, todos orientados a mellorar a competitividade das empresas galegas.

O xefe do Executivo autonómico salientou, así mesmo, o compromiso da Administración autonómica coa simplificación de trámites, dixitalización de servizos, redución de prazos e garantías de seguridade xurídica, situando á Xunta como aliada estratéxica do tecido empresarial para a súa potenciación.

O programa Capacita Directivos, posto en marcha en 2015, xa superou dende entón as 100 actividades formativas e os 20.000 participantes grazas á colaboración conxunta con entidades como o Círculo de Empresarios de Galicia ou o Nordés Club Empresarial.

Obxectivos comúns

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que a Administración autonómica “é a maior empresa de Galicia, con 115.000 empregados” e salientou que hai obxectivos e retos comúns co tecido produtivo e nos que o Executivo galego xa está a traballar coma poden ser “a formación, o teletraballo, solucionar o absentismo ou fomentar a conciliación”.

Loading...