O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe no CNTG, en Santiago, na clausura da xornada Prevención de riscos laborais na xestión de espectáculos públicos temporais
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na clausura da xornada Prevención de riscos laborais na xestión de espectáculos públicos temporais, organizada polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) e na que tamén participou a xerente desta entidade, Adela Quinzá-Torroja. O encontro, celebrado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en Santiago de Compostela, reuniu a expertos, responsables de prevención e representantes das empresas do sector, que achegaron aos participantes a súa visión para continuar a abordaxe e os desafíos futuros na xestión de riscos laborais nos espectáculos temporais, que debido a diversidade de axentes intervintes ou a coincidencia de actividades encadeadas ao mesmo tempo queda situado como un dos ámbitos máis complexos na xestión preventiva.
Durante a xornada técnica de hoxe, abordáronse temas fundamentais para a prevención de riscos neste eido, comezando pola explicación do criterio técnico para a xestión preventiva baseado nas recomendacións elaboradas polo grupo de traballo estatal coordinado polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo cos demais órganos técnicos autonómicos. Tamén se estableceron as bases para elaborar unha folla de ruta na que a normativa doutros sectores poida ser extrapolada aos espectáculos temporais, destacando accións como a realización previa de reunións entre as empresas intervintes, a creación da figura do coordinador ou a realización dun plan de montaxe que inclúa cálculos de establidade e resistencia.
Esta xornada enmárcase dentro do Plan de acción 2025 do Issga, que como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega é referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando e participando neste tipo de actividades formativas e informativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados.