O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde en Expourense no encontro de emprendedores Inspiro 2025
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no encontro de emprendedores Inspiro 2025, cuxo obxectivo é crear un espazo de sinerxías entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos, onde as ideas, o talento e a experiencia únense para inspirar a outras persoas nos seus proxectos de vida, tanto persoais como profesionais, avanzando en conxunto cara unha sociedade comprometida coa sostibilidade, eficiencia e a calidade.
Na súa intervención, Pablo Fernández recalcou que o emprendemento é un motor crucial para a innovación e o desenvolvemento económico da provincia de Ourense e do conxunto de Galicia. Así o amosa a aposta estratéxica do Goberno galego polo emprendemento, ao que se destinan máis de 32M€. Neste senso, o secretario xeral lembrou a publicación hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia da nova convocatoria de achegas para apoiar as iniciativas emprendedoras constituídas en Galicia desde 2023 —dotada de 6,7M€— que se poderán solicitar desde o vindeiro 21 de maio ata o 30 de xuño de 2025. Tamén destacou o labor de asesoramento da Rede de polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, e en concreto a dos polos situados na provincia de Ourense —O Barco, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín— que levan atendidos máis de 725 proxectos e realizadas preto de 320 actividades.
No eido do traballo por conta propia, o secretario xeral lembrou aos presentes que o Goberno galego brinda un apoio integral aos autónomos con distintas medida como a orde unificada de máis de 40M€ que conta con cinco programas que abranguen desde o comezo da actividade ata a súa consolidación e mantemento e que está aberta ata o 30 de setembro.