O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá na xornada de presentación das novas bolsas braille da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa) de Ribadeo, unha iniciativa que conta co apoio do concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.
Durante o acto —no que tamén participou o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega— Gabriel Alén destacou o valor desta iniciativa como un exemplo do compromiso do tecido comercial coa inclusión e a construción dunha sociedade máis accesible e integradora para todas as persoas, destacando o papel transformador do comercio de proximidade como un axente activo na promoción de valores como a solidariedade, a accesibilidade e a inclusión. Pola súa banda, Begoña Abeijón sinalou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a colaboración entre as Administracións e o tecido asociativo para seguir mellorando a calidade de vida de todas as persoas con discapacidade, ao tempo que lembrou que todos os axentes sociais cumpren un papel esencial na construción dunha Galicia máis xusta e inclusiva.