O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na rolda de prensa organizada pola Fundación Santa María La Real e Fundación Iberdrola para presentar a terceira ronda dos Hubs de activación de empregabilidade

Esta nova edición, cofinanciada polo Executivo galego, desenvolverase a partir de xuño e o plazo de inscrición arranca hoxe ata o vindeiro 16 de xuño

Pablo Fernández destacou como a cooperación de todos os axentes é fundamental para incrementar as oportunidades laborais das persoas con maiores dificultades á hora de acceder ao mercado de traballo

Tamén salientou o peso específico de medidas autonómicas como o programa Galicia Emprega, dotado de case 20 M€ e aberto ata o 30 de setembro, ou os obradoiros de emprego que promoven as entidades locais co apoio da Xunta

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na rolda de prensa organizada pola Fundación Santa María La Real e Fundación Iberdrola para presentar a terceira ronda dos Hubs de activación de empregabilidade, co apoio da Xunta. Nesta nova edición —co prazo de inscrición aberto desde hoxe ata o 16 de xuño— o proxecto continúa a súa actividade con tres novas lanzadeiras de emprego.

Desenvolveranse proxectos cunha duración de cinco meses e medio de xeito semipresencial, distribuídos en tres lanzadeiras — lanzadeira Emprego Activa e a lanzadeira Despega en A Coruña, e a lanzadeira de emprego Nómade itinerante, que nesta edición celebrarase no centro provincial do Issga en Redondela—, nas que ata un total de 80 participantes terán a oportunidade de recibir orientación e de realizar formacións técnicas enfocadas a mellorar o seu futuro laboral de xeito totalmente gratuíto.

Na súa intervención, Pablo Fernández puxo en valor a colaboración público-privada como unha opción clave para incrementar as oportunidades laborais das persoas con maiores dificultades á hora de acceder ao mercado de traballo. Tamén expuxo que este programa concorda coas apostas do Goberno galego para promover a empregabilidade entre os colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, casar oferta e demanda laboral e, ao mesmo tempo, afrontar a cobertura de vacantes, destacando outras medidas autonómicas como o Galicia Emprega, dotado de case 20 M€ e aberto ata o 30 de setembro ou os obradoiros de emprego que promoven as entidades locais co apoio da Xunta.

Edicións anteriores

Nas anteriores rondas dos Hubs de activación de empregabilidade, máis de 150 persoas en situación de desemprego recibiron acompañamento ao longo de todo o proxecto en competencias dixitais e en competencias verdes, mediante sesións online e webinarios, entre outros. Delas, preto de 85 melloran a súa situación laboral ao atopar traballo por conta allea, emprender un negocio ou ampliar a súa formación, coa posibilidade de obter un certificado de profesionalidade.

Loading...