O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente a praza de abastos do municipio de Cee na que se están realizando actuacións de mellora e onde estivo acompañado pola alcaldesa do municipio, Margarita Lamela

Cee é un dos 13 municipios da provincia da Coruña e dos 31 de toda Galicia beneficiarios das axudas autonómicas deste ano dirixidas a potenciar estes espazos como Mercados Excelentes

En concreto, obtivo unha achega de máis de 182.000 € para o acondicionamento de distintos postos da praza e a mellora da planta utilizada como parking que se suma ás recibidas nas convocatorias de 2023 e 2024 por valor de preto de 113.000 euros

O investimento total mobilizado nesta edición en toda Galicia é máis do triplo do de 2024 para reforzar formacións ou actuacións nas prazas de abastos que desexen solicitar o selo Mercados Excelentes, así como de mellora para as que o teñan

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou recentemente a praza de abastos do municipio de Cee, un dos 13 municipios da provincia da Coruña e dos 31 de toda Galicia beneficiarios das axudas autonómicas deste ano dirixidas a potenciar estes espazos como Mercados Excelentes. En concreto, a axuda a este concello é de máis de 182.000 euros para as anualidades 2025 e 2026 e está dirixida ao acondicionamento de distintos postos da praza e a mellora da planta utilizada como parking. Esta achega de 2025 súmase ás recibidas ao abeiro das convocatorias de 2023 e 2024, que suman preto de 113.000 euros para distintas melloras realizadas neste edificio.

Na visita, o director xeral estivo acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e puxo de relevo o carácter innovador das actuacións que se están levando a cabo nesta infraestrutura mentres as praceiras e praceiros desenvolven a súa actividade noutro local provisional que tamén visitou Gabriel Alén xunto coa alcaldesa.

Neste sentido, o director xeral sinalou que o espírito das obras concorda coa aposta do Executivo galego a prol de fortalecer e consolidar unha rede ao abeiro do selo de Mercados Excelentes, un distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e a innovación sen perder a súa autenticidade e tradición.

Precisamente, o Plan Estratéxico de Comercio inclúe accións dirixidas a estes fins, entre elas a iniciativa Prato do Mercado, que poñerá en valor a importancia do produto fresco dos mercados que se atopa nos menús dos mellores restaurantes das nosas contornas.

Beneficiarios axudas 2025

Da convocatoria de axudas deste ano para dinamizar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes resultaron beneficiarios un total de 31 concellos galegos e 14 asociacións e federacións de prazas cun valor de axuda próximo aos 3,2 M€. Con estes apoios pode subvencionarse ata o 80 % do investimento a realizar. Deste xeito, o investimento total mobilizado -case 4 M€- é máis do triplo do ano pasado -case 1,1 M€-.

No caso dos municipios, o valor de axuda concedida é de preto de 3 M€ e entre as accións que se subvencionan están a elaboración ou actualización da diagnose de situación e usos do mercado, accións de mentoring, elaboración da documentación técnica e gastos de dirección de obra e de coordinación de seguridade e saúde e actuacións de mellora para a obtención do selo de Mercado Excelente como as relacionadas co acondicionamento dos postos dos praceiros, os servizos e a accesibilidade, entre outras. Entre os beneficiarios están os tres concellos con mercados que teñen este distintivo, xa que a convocatoria inclúe achegas tanto para os que queiran implantar o selo como para os que xa o teñen.

Para as asociacións e federacións de prazas de abastos, o valor total de axuda é de preto de 171.000 € destinados a actuacións de dinamización comercial, fidelización da clientela e equipamento, o que sobe ata os preto de 3,2 M€ do investimento total de axuda autonómica neste exercicio para consolidar a rede de Mercados Excelentes.

Loading...