José González puxo de relevo a aposta de Galicia pola colaboración público-privada e apelou á coordinación de esforzos para potenciar actividades e sectores estratéxicos en cada territorio, como o comercio, e promover ideas que favorezan á comunidade

Destacou a boa evolución do mercado laboral galego co máximo nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de abril de toda a serie, con 1.087.434 cotizantes, e co mínimo histórico de desemprego, con 115.545 persoas desempregadas

Salientou o papel facilitador e de acompañamento da Rede de polos de emprendemento, que leva atendidos uns 4.000 proxectos de diferentes sectores e lembrou que este ano o Executivo galego destina 32 M€ ao emprendemento

Sinalou que a convocatoria de axudas de 2025 para novos proxectos emprendedores se publicará proximamente no DOG por valor de 6,7 M€ coa previsión de apoiar 800 iniciativas e tamén se referiu ás achegas para o emprendemento dos retornados

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o potencial de Galicia para o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras ligadas ao territorio e enfocadas a promover a remuda xeracional e tamén fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada neste eido. Así o sinalou na inauguración da edición de 2025 do congreso The Way Startup Summit, que se celebra hoxe e mañá en Vigo.

Trátase dunha cita na que se prevé que participen máis de 50 empresas de recente creación, dun cento de inversores e dun milleiro de asistentes e na que tamén se porán en valor diferentes iniciativas da Xunta como a Rede de polos de emprendemento.

Alí o conselleiro tamén destacou que ao potencial do emprendemento se suma a boa evolución do mercado laboral galego, que acadou o máximo nivel de afiliacións á Seguridade Social nun mes de abril de toda a serie (2004), con 1.087.434 persoas e co mínimo histórico de desemprego -115.545 persoas desempregadas- baixando por primeira vez das 117.000 desde que hai rexistros. No caso de Vigo, destacou que a cifra de desemprego -15.253- é a mínima da serie.

Para seguir avanzando nestes ámbitos, José González apelou á coordinación de esforzos no ámbito do emprendemento para potenciar actividades e sectores estratéxicos en cada territorio como o comercio. Neste eido, destacou o novo Plan estratéxico do comercio 2025-2030 co que a Administración galega busca impulsar este sector e que, entre outros aspectos, promove a remuda xeracional.

Compromiso co emprendemento

Dentro do compromiso do Executivo autonómico coa actividade emprendedora, José González destacou os 32 M€ destinados este ano a seguir potenciando este ámbito e o labor da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas por toda Galicia e leva atendido arredor de 4.000 proxectos de diferentes sectores desde a súa posta en marcha, en xullo de 2022. A través desta rede, subliñou, desenvólvense iniciativas como o proxecto Fixar, que impulsa os modelos coliving para reter e atraer emprendedores á comunidade e do que este ano se lanzou a segunda edición. Un dos coliving vencellados a esta iniciativa é o de Anceu, en Ponte Caldelas, que participa no The Way Startup Summit.

Outros apoios da Xunta aos que se referiu o conselleiro, son as axudas a novos proxectos emprendedores das que proximamente se publicará no Diario Oficial de Galicia a convocatoria deste ano, dotada con 6,7 M€ e coa que se prevé apoiar 800 iniciativas e as achegas Retorno Emprendedor, destinadas ao emprendemento dos retornados para sacar máximo aproveitamento do seu talento. Este tipo de actuacións fixeron que Galicia obtivese o premio Rexión Emprendedora Europea 2025.

No campo do emprendemento de base tecnolóxica, lembrou que o Executivo galego conta cun programa co que leva apoiado, desde o seu nacemento no 2001, máis de 400 empresas e 2.200 empregos de alta cualificación. A estes apoios súmase a convocatoria de axudas unificada para autónomos dotada con máis de 40 M€ e aberta ata o 30 de setembro.

Deste xeito, indicou o conselleiro, o Goberno galego busca ser unha Administración facilitadora, que acompaña, asesora e apoia aos novos proxectos emprendedores no seu camiño, cunha especial aposta por aqueles que estean ligados ao territorio. Ademais, agradeceu ao Hub de Innovación de Galicia a organización deste congreso de emprendemento referente en Galicia, norte de Portugal, Asturias e Castela e León.

Loading...