O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, respondeu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego a unha pregunta relacionada co impacto das políticas de emprego do Goberno central na comunidade galega
Pablo Fernández mencionou o impacto negativo de políticas como a suba do salario mínimo interprofesional ou a proposta para a minoración da xornada laboral para empresas, traballadores autónomos e os centros especiais de emprego
Antepuxo a actitude impositiva do Goberno central ao camiño trazado pola Xunta, para avanzar na dinamización do mercado laboral da man de traballadores e empresas
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, respondeu hoxe ante a Comisión 5ª, Sanidade, Política Social e Emprego a unha pregunta relacionada co impacto na comunidade galega das políticas en materia de emprego impostas polo Goberno central sen a necesaria negociación e fóra do Diálogo Social, especialmente no caso do colectivo autónomo e das pequenas e medianas empresas. Entre elas referiuse ao incremento do salario mínimo interprofesional, os cambios no modelo de contratacións e o proxecto de lei para a redución da xornada laboral a 37,5 horas.
En relación coas consecuencias negativas da suba do salario mínimo interprofesional, sinalou que supuxo unha diminución na contratación por conta allea que viñan realizando as empresas e traballadores autónomos, así como un aumento nas súas estruturas de custos. Engadiu ademais que esta medida afecta tamén ao financiamento e competitividade dos centros especiais de emprego.
No caso dos cambios realizados polo Goberno central no modelo de contratación —tornando os contratos temporais cara aos contratos indefinidos descontinuos—, Pablo Fernández, salientou a inestabilidade deste tipo de contratos nos períodos de chamamento. Ademais, sinalou, durante os períodos de non actividade non teñen ningún tipo de compensación e sen ter en conta a sectores nos que a estacionalidade marca a evolución do entramado laboral, como son a hostalería ou o comercio.
Persoas traballadoras por conta propia
No eido do colectivo das persoas autónomas, Pablo Fernández recalcou que o cambio do sistema de cotización á seguridade social tivo un grande impacto en Galicia, dado o forte peso deste colectivo na comunidade, con arredor de 212.000 persoas traballadoras por conta propia. Nesta liña, indicou que esta modificación supuxo un incremento nos seus custes laborais mensuais incrementando a inseguridade e inestabilidade no colectivo.
Ademais, subliñou que a anunciada redución da xornada laboral pode carrexar un impacto negativo na produtividade e na xeración de emprego no colectivo autónomo con persoal contratado por conta allea e tamén nas micro e pequenas empresas.
Folla de ruta da Xunta
O secretario xeral de Emprego antepuxo a actitude impositiva do Goberno central fronte ao camiño trazado pola Xunta, que defende o Diálogo Social como ferramenta para seguir dinamizando o mercado laboral mentres apoia a colectivos estratéxicos, tanto por conta propia como allea. Neste sentido, o secretario xeral sinalou que o Goberno galego brinda un apoio integral aos autónomos con distintas medidas como a orde unificada de máis de 40M€ que conta con cinco programas que abranguen desde o comezo da actividade ata a súa consolidación e mantemento e que está aberta ata o 30 de setembro. Tamén lembrou os máis de 32M€ destinados neste exercicio a prol do emprendemento, con especial foco naquel que ten pegada directa no territorio e nas contornas onde se asenta.