O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, participou hoxe na entrega de Premios da Cata Popular da 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, onde puxo en valor o papel estratéxico do sector vitivinícola galego como motor de creación de emprego e de emprendemento.

González sinalou que citas coma esta exemplifican á perfección como os recursos propios do territorio, como o viño da D.O. Ribeiro, son punto de partida para novas iniciativas empresariais que fomentan o desenvolvemento sustentable, a creación de riqueza e a atracción turística, especialmente na Galicia non urbana. Subliñou, ademais, a capacidade que teñen estes eventos para revitalizar vilas con historia e identidade propia como Ribadavia, converténdoas en referentes de actividade económica e cultural durante todo o ano. Nesta liña, referiuse ao éxito da experiencia piloto Artesanía, saber e sabor, celebrada o pasado mes de decembro no municipio, e que foi a antesala do proxecto Vilas Vivas, que se desenvolverá ao longo de 2025 co obxectivo de recuperar baixos comerciais en desuso nos cascos históricos de vilas senlleiras, promovendo actividades efémeras durante as fins de semana que integren comercio, gastronomía e turismo.

Loading...