O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, estiveron presentes no acto
Esta iniciativa, en colaboración co Clúster do Ecommerce Galego, está destinada tanto a novos proxectos no eido do comercio electrónico como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital
Como novidades inclúe dous niveis de formación, un de iniciación e outro avanzado e amplíanse o período de mentorías e o número de sesións formativas
A primeira edición deste proxecto, promovido ao abeiro da Rede de polos de emprendemento, tivo unha grande aceptación e permitiu achegar as ferramentas do ecommerce a unha vintena de proxectos, boa parte deles do comercio polo miúdo
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, presentaron esta tarde a segunda edición da aceleradora de proxectos Xerme Ecommerce para seguir impulsando o emprendemento no ecommerce ao abeiro da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego e a través da colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Clúster do Ecommerce Galego. O acto contou coa presenza de diversos representantes institucionais e do clúster do comercio electrónico, así como mesas redondas nas que emprendedores beneficiarios da pasada edición e candidatos a esta compartiron as súas experiencias.
Entre as principais novidades, esta segunda edición inclúe dous niveis de formación, un deles de iniciación para aquelas persoas emprendedoras que comezan de cero ou con coñecemento baixo en ecommerce e outro avanzado para os que xa teñen un comercio electrónico e necesitan un impulso, adaptándose os contidos a cada un dos dous niveis o que supón unha maior flexibilidade á hora de poder axustar os servizos ás necesidades de cada un dos proxectos.
Grazas a este programa, as persoas participantes reciben formación e mentorización sobre comercio electrónico, con obradoiros, titorización personalizada e sesións docentes por parte de expertos profesionais na materia para lanzar, xestionar, impulsar e rendibilizar os seus negocios en liña. Neste campo, amplíase o período de mentorías de 2 a 5 meses e o número de sesións en relación co ano pasado. Ademais, co obxectivo de axustarse ás necesidades de cada proxecto, adaptaranse os contidos aos grupos creados.
Este programa enmárcase na aposta da Xunta pola innovación e o impulso ao emprendemento e con el contribúese a potenciar o talento e a competitividade das empresas galegas mediante o apoio, incentivo e promoción do comercio electrónico. Ao mesmo tempo, promóvese a convivencia de empresas nativas dixitais con empresas físicas que teñen unha importante actividade online, facilitando a aprendizaxe mutua.
Primeira edición
A primeira edición de Xerme Ecommerce tivo grande aceptación e permitiu achegar as ferramentas do ecommerce a unha vintena de proxectos, boa parte deles do comercio polo miúdo. Deles algúns vendían online, outros contaban con ambas opcións habilitadas, pero con interese en potenciar a venda electrónica e algún só tiña local físico.