O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá en Pontevedra na rolda de prensa de presentación do 7º congreso Marketing Fluor organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na rolda de presa de presentación do 7º congreso Marketing Fluor organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, que celebrarase o vindeiro 15 e 16 de maio na cidade de Pontevedra.
O congreso acollerá a expertos en comunicación, márketing ou publicidade que se xuntarán e así buscarán inspirar e destacar a industria galega coma un referente nacional. Neste senso, e dentro da importancia desta área no impulso dos proxectos emprendedores, Pablo Fernández destacou a nova convocatoria do programa da Xunta Alento. Impulso á comunicación para emprender —en colaboración co Clúster de Comunicación e Galicia— , co que se ofrece de balde unha axuda en forma de servizos para que, arredor de 30 proxectos de emprendemento, poidan acceder a distintas solucións en márketing e comunicación executadas por expertos coa finalidade de que estas tarefas sirvan de apoio á comunidade emprendedora en aspectos como a busca de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivos, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral, co fin de conseguir unha oferta diferenciada e rendible
O secretario xeral, tamén recalcou outros apoios para os traballadores autónomos e os emprendedores desde o Executivo galego, destacando o labor da Rede de polos, que desde a súa creación no ano 2022 leva asesorados preto de 4.000 proxectos. Só a través dos tres Polos situados na provincia de Pontevedra —Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa—, o número de proxectos atendidos supera os 1.100 e lévanse realizadas preto de 200 actividades entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da Rede.