A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá Ópticas Noroeste, unha das 12 empresas da zona que se beneficiaron o pasado ano desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

A orde de axudas, dotada de 19,7 M€, beneficiará a mulleres, persoas mozas, paradas de longa duración, retornadas, estranxeiras, con discapacidade, en risco de exclusión social ou maiores de 52 anos

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, o establecemento Ópticas Noroeste, en Ferrol, unha das 12 empresas beneficiarias o pasado ano do programa Galicia Emprega, unha liña de incentivos do Goberno galego á contratación de persoas desempregadas pertencentes a colectivos con dificultades de inserción laboral que este ano está dotada de 19,7 M€.

A convocatoria, que o pasado ano deixou axudas por valor de 517.500 euros para a formalización de 20 contratos no ámbito da Delegación Territorial, está dirixida a persoas empregadoras, empresas -incluídos autónomos e sociedades civís-, así como entidades sen ánimo de lucro, centros especiais de emprego e empresas de inserción. O obxectivo é a contratación indefinida e a tempo completo das persoas de colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como a xuventude, mulleres, persoas paradas de longa duración, de 52 anos ou máis, emigrantes retornados ou estranxeiros.

Aneiros explicou que dos preto de 20 millóns de euros cos que conta o programa, 1,7 M€ están dirixidos a impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados -novidade desta convocatoria-, 7M€ para a promoción da contratación de mulleres e 3,5 M€ para a contratación de persoas mozas.

Para os parados de longa duración e persoas de máis de 52 anos, o importe consignado é de 2M€, a mesma cantidade que para contratar a persoas emigrantes retornadas e estranxeiras. O orzamento dirixido a incentivar a contratación de persoas con discapacidade ou risco de exclusión social é de 3 M€ e de 500.000 para todas as persoas en entidades sen ánimo de lucro.

Contía das axudas

Durante a visita a delegada territorial informou de que todas as contratacións parten dun apoio base de 6.000 euros que pode acadar os 10.000 euros no caso de mulleres que se incorporen a sectores tradicionalmente masculinizados ou de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, entre as que tamén se permite a contratación parcial. Estas contías base por cada contrato poderán incrementarse nun 15% se o centro de traballo está situado nun concello da área rural, entre outras casuísticas acumulables entre si.

O programa Galicia Emprega tamén contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a contratos a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para persoas con discapacidade e para o incremento da duración dos contratos fixos discontinuos. De aplicarse todos os incrementos, a contía máxima da axuda será de 14.500 euros por persoa contratada.

A delegada territorial animou ás empresas da zona a solicitar esta liña de axudas antes da finalización do prazo o 30 de setembro.

Loading...