Durante o ano pasado, este programa de formación ocupacional desenvolveu 851 actuacións nos catro centros de reeducación da rede pública autonómica
Unha vintena de participantes nesta iniciativa accederon a prácticas remuneradas en empresas
A Xunta mellorou o ano pasado a competencia e capacidade laboral de 144 mozas e mozos, todos eles maiores de 16 anos, que cometeron delitos e que cumpriron medidas xudiciais de internamento nos catro centros de reeducación da rede pública autonómica: Concepción Arenal (A Coruña), Monteledo e Montefiz (Ourense) e Avelino Montero (Pontevedra). O investimento neste programa foi de 180.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo (FSE+).
A través deste programa de formación ocupacional desenvolvéronse 851 actuacións, entre as que s se inclúen actividades de formación continua, cursos específicos, formación en empresas, contratos laborais e actividades de inserción laboral. O obxectivo delas foron favorecer a inserción laboral dos participantes.
Así, ao longo de todo 2024 leváronse a cabo obradoiros prelaborais en diferentes ámbitos como panadería e pastelería, operacións básicas de instalacións e mantemento de xardíns e zonas verdes ou novas tecnoloxías, entre outros. A formación específica centrouse na manipulación de alimentos, na prevención de riscos laborais e, incluso, cursos externos realizados fóra do centro sobre confeitaría, operacións de almacén e manexo de carretilla elevadora e sobre loxística e distribución.
Ademais, este programa permitiu acceder a prácticas remuneradas en empresas colaboradoras a 22 menores. Estas becas formativas foron por un período mínimo de dous meses, e únense aos contratos laborais que se realizan dentro dos propios centros de reeducación para desempeñar a función de operario base no mantemento dos propios centros en tarefas de panadería ou xardinería.