Entre o 29 de abril e o 1 de maio, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e o secretario xeral da Emigración visitarán entidades que acollen aos galegos no exterior e reuniranse cos seus representantes
Tamén se reunirán con empresarios galegos e cos representantes diplomáticos de España en México
Esta viaxe institucional enmárcase na Estratexia Galicia Retorna para seguir tendendo pontes entre Galicia e México e difundir Galicia como terra de oportunidades
Con ela a Xunta tamén busca reforzar a colaboración público-privada e coa embaixada de España en México para apoiar ás persoas galegas residentes no país
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, viaxará a México a vindeira semana co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da comunidade galega no exterior e de potenciar os lazos entre Galicia e México, ademais de seguir difundindo as oportunidades de retorno.
Con ese fin, o próximo martes 29 de abril iniciará unha axenda de visitas a entidades que agrupan as galegas e galegos no exterior e de encontros cos seus representantes e empresarios galegos, así como co embaixador de España en México, Juan Duarte Cuadrado, e co cónsul general de España en México, Manuel Hernández, e outros representantes da embaixada.
A primeira xornada será en Puebla, onde o conselleiro visitará Parque España, o Círculo Español e a Sociedade Española de Beneficiencia e reunirase cos seus representantes. O mércores, 30 de abril terá lugar a reunión co embaixador de España en México e ademais o conselleiro participará nun encontro empresarial coa Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal). Esta estadía prolongarase ata o 1 de maio, xornada na que José González, que nesta viaxe tamén manterá un encontro coa directiva do Centro Gallego de México, participará na Jira Campestre desta entidade.
Galicia, terra de oportunidades
Esta viaxe institucional enmárcase na Estratexia Galicia Retorna e contribúe a seguir tendendo pontes entre Galicia e México, así como a difundir a Galicia como terra de oportunidades para o investimento, para emprender, traballar e desenvolver un proxecto de vida. Con ela, o Goberno galego tamén busca intensificar a colaboración público-privada e reforzar as canles de colaboración coa embaixada de España en México para apoiar ás persoas galegas residentes no país.