A cita congrega entre hoxe e mañá a diferentes representantes destacados do eido da universidade, da empresa e da administración pública para analizar os desafíos clave da realidade económica e social galega
No marco do panel centrado en atracción de talento, José González salientou a importancia de promover unha captación de traballadores ordenada e sempre da man das empresas, poñendo o foco no retorno dos galegos do exterior
No referido a terceiros países, sinalou a recente sinatura dun documento pioneiro con catro países hispanoamericanos para habilitar un procedemento tutelado que favoreza as máximas garantías tanto para traballadores como empresas
Pola súa banda, Miguel Corgos animou a reflexionar sobre como as tensións inflacionistas, a incerteza dos conflitos xeopolíticos e os efectos estruturais da transformación enerxética e tecnolóxica afectan á economía mundial
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron hoxe na XIV Reunión Anual Foro Económico de Galicia, un evento que reúne en Muxía a expertos dos ámbitos académico, empresarial e político para debater sobre os principais retos económicos e sociais do momento actual.
No marco do panel centrado en atracción de talento, José González salientou a importancia de promover unha captación de traballadores ordenada e sempre da man das empresas, clave para potenciar a competitividade do tecido produtivo e dar resposta a retos hoxe estruturais en toda Europa como a cobertura de vacantes e a necesaria remuda xeracional. A este respecto, destacou que Galicia está a trazar unha ambiciosa folla de ruta que —complementariamente á potenciación do mercado laboral interno— ten posto o foco prioritariamente na atracción dos galegos e galegas do exterior e avanza tamén no desenvolvemento de liñas dirixidas especificamente a traballadores de terceiros países.
No que atinxe aos galegos e galegas da diáspora, puxo en valor ferramentas como o programa Retorna Cualifica Emprego —enmarcado na Estratexia Galicia Retorna— que promove oportunidades laborais en orixe e que na actualidade conta con máis dun cento de empresas galegas inscritas que ofertan 600 vacantes. Ademais, incidiu en que este ano se deu un paso máis coa celebración en marzo das feiras de emprego na Arxentina e no Uruguai, coa participación de 5 clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos e ás que asistiron máis de 3.500 persoas.
Para completar esta aposta pola atracción de talento —e xa no referido aos traballadores de terceiros países— puxo de relevo que a Xunta vén de asinar un documento pioneiro con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai co obxectivo de crear unha canle de oportunidades e sinerxías entre administracións, contando cun procedemento tutelado para blindar as garantías dos traballadores con vontade de emigrar e das empresas galegas interesadas en captar talento exterior. Tamén insistiu na necesidade dunha maior axilidade administrativa por parte do Goberno central no que respecta á homologación de títulos e á tramitación de permisos de traballo. Neste último caso, lembrou que —como xa anunciou o Presidente Rueda no Debate do Estado da Autonomía—, Galicia está en disposición de demandar estas competencias ao Executivo central.
Os desafíos económicos nunha contorna cambiante
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, foi o encargado de introducir o relatorio do profesor González Páramo, ex-conselleiro do Banco Central Europeo. Na súa presentación, Corgos fixo fincapé no momento de especial complexidade que se está a vivir no mundo, debido ás tensións inflacionistas, á incerteza derivada dos conflitos xeopolíticos e aos efectos estruturais da transformación enerxética e tecnolóxica.
A todo isto súmanse, advertiu Corgos, os efectos da política arancelaria estadounidense, que incrementa a inseguridade e proxecta interrogantes sobre as economías abertas, como a europea, e o seu papel no novo equilibrio económico global. Para o conselleiro de Facenda, a política monetaria está nunha encrucillada sobre a que é preciso reflexionar con rigor e aprendendo das leccións que outras crises nos ensinaron.