A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiron esta mañá en Vigo á xornada do programa O Camiño do Emprendemento Musical, organizada por Wake Up coa colaboración da Xunta

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiron esta mañá á xornada presencial desenvolta no Ifevi do programa O Camiño do Emprendemento Musical, organizada por Wake Up co apoio do Executivo galego. O obxectivo desta iniciativa é introducir, instruír e mentorizar ás mozas e mozos galegos que estean a barallar a industria musical e de eventos como unha saída laboral, realizando actividades que compaxinan eventos presenciais coma este con mentorías con artistas e profesionais do sector.

Na xornada de hoxe en Vigo, estiveron presentes cinco profesionais da industria musical e audiovisual, entre artistas e promotores, técnicos e persoal de comunicación onde abordaron diversos puntos de interese para aqueles que desexen transformar a súa paixón pola música nun proxecto de éxito, indo desde a xestión da carreira artística ata as claves para destacar nun sector altamente competitivo, fomentando o diálogo e creando sinerxías entre asistentes e relatores, achegando unha contorna ideal para o networking. Ademais, os participantes inscritos a través da páxina web da Rede de polos, puideron coñecer as últimas tendencias e ferramentas para crear e xestionar proxectos musicais innovadores.

Este proxecto -que conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude- enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico con potenciar as oportunidades laborais da mocidade, ao tempo que promove o espírito emprendedor entre a comunidade máis nova para avanzar no impulso de proxectos innovadores que dinamicen o territorio e impacten na xeración de riqueza e emprego.

Loading...