José González expuxo que a comunidade galega é a única de España que conta con talleres de artesanía integrados por persoas con diversidade funcional, entre eles o da marca A Casa Rodante da asociación Apamp
O labor da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral foi recoñecido no 2023 na Gala pola Inclusión Educativa, cita na que tamén foi galardoado o Goberno galego polo apoio a proxectos de inclusión no marco de Artesanía de Galicia
As persoas usuarias de Apamp producen nos talleres ocupacionais da entidade artigos certificados baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, o que garante a calidade e a orixe da súa elaboración e traballan en áreas como a cerámica, o papel e o téxtil
O conselleiro sinalou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 inclúe medidas para promover a remuda xeracional e divulgar os oficios tradicionais co fin de seguir impulsando a artesanía como motor de emprendemento e inclusión laboral
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe que Galicia é a única comunidade autónoma de España que conta con talleres de artesanía integrados por persoas con diversidade funcional. En total son nove, que figuran no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e un deles é o da marca A Casa Rodante da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), que visitou o conselleiro no centro de día e ocupacional Miguel Hernández, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e pola xerente da Fundación Pública de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Alí José González tamén enxalzou o labor facilitador e de atención integral de Apamp para que persoas con parálise cerebral desenvolvan un proxecto de vida.
Este traballo, subliñou o conselleiro, foi recoñecido no 2023 cun premio na Gala pola Inclusión Educativa e o Emprego celebrada no marco do Congreso Nacional de Formación e Emprego. Nesta cita tamén se recoñeceu o labor do Goberno galego a proxectos de inclusión no marco de Artesanía de Galicia e ao impulso dos oficios artesanais como modelo de inclusión laboral para persoas con diversidade funcional.
Isto, sinalou José González, exemplifica a aposta de Galicia pola integración das persoas con diversidade funcional no mundo laboral a través da artesanía. No caso da asociación Apamp, as persoas usuarias producen nos talleres ocupacionais artigos certificados baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, o que garante a calidade e a orixe da súa elaboración.
Ademais, nos talleres ocupacionais traballan en áreas como a cerámica, encadernación, o papel feito a man e o téxtil; adquiren novas técnicas artesanais, potencian a súa creatividade e autonomía persoal. Estas accións, engadiu o conselleiro, tamén promoven o traballo colectivo, a estimulación cognitiva e fomentan a incorporación ao mundo laboral.
Posteriormente, os artigos que realizan comercialízannos na tenda da Casa Rodante, situada no centro comercial A Laxe e que tamén é un espazo de creatividade que acolle actividades de ámbitos como a cerámica, a encadernación e gravado e serigrafía. De feito, nos Días Europeos da Artesanía, celebrados a semana pasada a Xunta impulsou diferentes obradoiros e demostracións.
Colaboración da Xunta con Apamp e apoio á artesanía
Outro exemplo de colaboración da Xunta coa asociación Apamp no ámbito da artesanía que destacou o conselleiro é a cesión de espazo para realizar demostracións e vender os seus produtos en citas como o Corazón da Artesanía, que organiza cada ano o Goberno galego nos Pendellos de Agolada. Ademais, sinalou que a Administración autonómica promove o contacto da asociación con diferentes empresas e provedores e apoiou a incorporación do monitor do obradoiro de cerámica a esta entidade a través das axudas autonómicas de aprendices para talleres artesanais.
En relación co sector da artesanía en xeral, expuxo que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, presentado recentemente, inclúe diferentes medidas para promover a remuda xeracional e divulgar os oficios tradicionais co fin de seguir impulsando esta actividade chave no patrimonio cultural e que é un motor de emprendemento e de inclusión laboral como demostra o labor de Apamp. Este valor inclusivo aparece reflectido nesta folla de ruta do comercio galego que aposta por un sector socialmente integrador e accesible, que dá vida ás rúas das vilas e cidades e que ofrece oportunidades laborais.