A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta do avance da Estratexia galega de economía social

Con horizonte en 2027, destacou que o seu obxectivo é posicionar estas fórmulas de negocio no eido tecnolóxico, verde e industrial, así como na economía dos coidados, salientando a súa capacidade para dar resposta a novas áreas de desenvolvemento

Puxo en valor que o pasado ano se crearon preto de 300 novas entidades de economía social que implicaron a arredor de 750 persoas socias promotoras, das cales preto da metade foron mulleres

Resaltou que na consecución e éxito destes resultados ten sido fundamental a aposta estratéxica da Xunta a prol do sector, con liñas chave, que continúan este ano, como Aprol Economía Social ou o Bono Consolida

En 2025 a Xunta ten orzamentados preto de 45 millóns de euros á economía social e, coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas, avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para dar conta do avance da Estratexia galega de economía social, unha planificación con horizonte en 2027 que busca impulsar este modelo empresarial como motor de xustiza social, garante de emprego inclusivo e ferramenta indispensable para seguir fortalecendo o tecido emprendedor galego. Unha folla de ruta, sinalou, que se cimenta en tres piares fundamentais —as persoas, as entidades e a gobernanza— co obxectivo de posicionar estas fórmulas de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial, así como na economía dos coidados, salientando así a súa capacidade para dar resposta a áreas emerxentes da sociedade actual.

Na súa intervención, a directora xeral destacou que o pasado ano se crearon preto de 300 novas entidades de economía social que implicaron a arredor de 750 persoas socias promotoras, das cales preto da metade foron mulleres. Así mesmo, xeráronse máis de 1.000 postos de traballo. En paralelo, a Rede Eusumo, unha das ferramentas fundamentais para o apoio e fomento da economía social en Galicia, levou a cabo mais de 110 actividades formativas e de sensibilización, nas que participaron máis de 3.000 persoas. Na consecución e éxito destes resultados, resaltou, ten sido fundamental a aposta estratéxica da Xunta a prol do sector, con liñas chave —que continúan este ano— como Aprol Economía Social ou o Bono Consolida, así como o apoio e diálogo constante coas entidades asociativas ou o labor do Consello Galego da Economía Social, cuxo obxectivo é promover e coordinar políticas públicas que favorezan o desenvolvemento deste modelo.

Marta Mariño defendeu, ademais, que a economía social tamén é un piar fundamental na estratexia global de emprendemento ligado ao territorio que ten en marcha o Goberno galego, poñendo en valor o rol histórico das cooperativas no desenvolvemento de proxectos baseados en recursos locais e o seu papel de xeración de emprego e fixación de poboación nas áreas non urbanas.

Nova lei de coooperativas

Para seguir desenvolvendo esta folla de ruta, en 2025 a Xunta ten orzamentados preto de 45 millóns de euros a este sector, buscando visibilizar aínda máis o impacto positivo destas fórmulas de negocio e consolidando a boa marcha da economía social. Entre as actuacións previstas —ademais da continuidade das diferentes liñas de financiamento— continuarase avanzando, entre outras moitas medidas, no reforzo da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal con proxectos como a Rede de aceleradoras transfronteirizas de economía social ES-Factory. Tamén en accións a prol da visibilidade, como o Certame do Cooperativismo no Ensino —co prazo de presentación aberto ata o 30 de abril— ou os Premios á Cooperación. En paralelo, a través dun programa de apoio a mulleres emprendedoras directivas, socias e traballadoras, formarase a máis de 40 mulleres en habilidades técnicas e de liderado.

Así mesmo —e coincidindo coa celebración do Ano Internacional das Cooperativas— a Xunta avanzará na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual e ao futuro da nosa Comunidade, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes, dándolle pulo ao Rexistro autonómico de cooperativas.

Loading...