José González lembrou que o Goberno galego traballa na Estratexia mocidade activa, con 20 M€ soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que abarca distintas iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil

Sinalou que estes apoios permiten seguir apoiando un mercado laboral cada vez máis dinámico tamén no referido a colectivos prioritarios como a mocidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, enxalzou o valor da feira de emprego Young Talent, que se celebra hoxe e mañá en Oleiros e organizada por EF Business School Grupo Educativo e a Fundación Venancio Salcines, para conectar a oferta de talento mozo coas necesidades do tecido empresarial galego. Nesta liña, subliñou que esta iniciativa concorda coa aposta do Goberno galego por reter, captar e aproveitar o talento mozo pois conecta máis de 300 mozos profesionais en busca de emprego con máis de 50 empresas de varios sectores.

Así o destacou na inauguración desta cita sobre a que tamén subliñou que se trata dun exemplo dos bos froitos da colaboración público-privada, fundamental para potenciar a empregabilidade da mocidade e ofrecer unha formación para o emprego eficaz e axustada ás necesidades do tecido empresarial.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que o Goberno galego traballa na Estratexia mocidade activa, dotada con 20 M€ soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e que abarca distintas iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil. Entre elas o Galicia Emprega Mozos, cun orzamento en 2025 de arredor de 3,5 M€ e unha iniciativa englobada na convocatoria de Galicia Emprega, dotada con case 20 M€ e aberta ata o 30 de setembro.

Ademais, subliñou que o talento mozo tamén se manifesta no autoemprego e neste campo destacou o labor de asesoramento da Rede de polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas por toda Galicia e leva asesorado máis de 3.700 proxectos.

Estes apoios, expuxo José González, permiten seguir apoiando un mercado laboral cada vez máis dinámico tamén no referido a colectivos prioritarios como a mocidade. Nesta liña, salientou que a cifra de paro das persoas menores de 30 anos en Galicia é a máis baixa nun mes de marzo desde que hai rexistros (2005).

Loading...