A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada, entre outros, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a feira EmpregoInCampus Ourense, organizada pola Universidade de Vigo (UVigo) no pavillón de deportes universitario para que o alumnado das diferentes titulacións poida coñecer as oportunidades profesionais existentes en empresas de moi diversos sectores.
Nesta nova edición, máis de 100 entidades están presentes para expoñerlle de primeira man aos mozos a demanda de persoal existente, así como tamén se lles brinda a oportunidade de contactar directamente cos responsables dos procesos de selección, sendo un exemplo dos bos froitos da colaboración público-privada, fundamental para potenciar a empregabilidade da mocidade e ofrecer unha formación para o emprego eficaz e axustada ás necesidades do tecido empresarial. O Goberno galego ten un firme compromiso coa inserción laboral dos mozos con novas medidas para fomentar a súa contratación nas empresas, ademais de favorecer o emprendemento.