O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, xunto coa directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitaron esta mañá a sociedade coopeativa Mulleres Colleiteiras, beneficiaria do Bono Consolida Economía Social
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, visitou esta mañá á sede da sociedade cooperativa galega Mulleres Colleiteiras —con motivo da conmemoración do Día Internacional do pobo Xitano— a cal ten como obxectivo principal o traballo de recollida, almacenamento, valorización e reutilización do aceite doméstico usado realizado por mulleres en situación de exclusión social como vía de inserción no sector formal do autoemprego, destacando que é unha das preto de 160 entidades beneficiarias na pasada edición do Bono Consolida Economía Social.
Pablo Fernández, aplaudiu o labor de Mulleres Colleiteiras que, desde o ano 2015, busca ofrecer oportunidades no mundo laboral a mulleres en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión social. Neste senso, mencionou os programas de apoio económico, de asesoramento e acompañamento, de formación e a realización de actividades divulgativas que desenvolve a Xunta a través da Rede Eusumo, que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades que, como Mulleres Colleiteiras, estean interesadas en emprender neste ámbito, co obxectivo de que as sociedades cooperativas sigan sendo modelos de éxito en Galicia. Tamén destacou entre outras medidas levadas a cabo polo Executivo autonómico, o programa Galicia Emprega —dotado con 19,7 millóns de euros— que busca promover a contratación estimada de 1.700 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.
Por outra banda, a nova convocatoria do Bono Consolida Economía Social —dotado con 2,73M€—, continúa aberta ata o vindeiro 21 de abril e de novo apoia a consolidación das entidades da economía social de Galicia e contribúe a reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade.