A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no taller Facilitando a mobilidade laboral de profesionais desprazados a España, destacando as medidas do Executivo para atraer talento
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta mañá no taller Facilitando a mobilidade laboral de profesionais desprazados a España, enmarcado dentro do proxecto europeo STEP que ten como obxectivo facilitar a mobilidade de persoas desprazadas dentro do marco lexistativo vixente. Dado o papel central das Comunidades Autónomas no eido das políticas de emprego e formación, o Goberno galego xunto con resto de executivos autonómicos, asi como con empregadores a nivel nacional e autonómico, tomaron parte nunha xornada na que se buscou a identificación das barreiras comúns para contratar a profesionais desprazados en países extracomunitarios e esbozáronse conxuntamente posibles solucións.
Na súa intervención, a directora xeral fixo fincapé nas diversas propostas levadas a cabo por parte do Goberno autónomico para facilitar a empregabilidade dos profesionais desprazados na nosa comunidade como é o Programa de arraigo para a formación —programa pioneiro que xa vai pola súa 2ª edición— co que se busca acadar, por un lado, persoal coa formación necesaria para cubrir postos de traballo que ofertan as empresas e por outra parte, incorporar ao mercado laboral a persoas que se atopan traballando de maneira precaria ou en situación irregular.
Por outra banda, Zeltia Lado destacou o programa da Xunta Retorna Cualifica Emprego —enmarcado na Estratexia Retorna— promovendo para o ano 2025 na súa segunda edición, un conxunto de medidas dirixidas a facilitar e apoiar a atracción do talento das persoas emigrantes que desexen retornar a Galicia, facilitando de xeito coordinado, unha canle para acompañar ás empresas na identificación e busca dese talento, recompilando e difundindo entre a colectividade de persoas emigrantes galegas todos aqueles compromisos de contratación que desexen promover, ao tempo que achega un conxunto de servizos e apoios económicos para facilitar o retorno das persoas galegas residentes no exterior para que poidan voltar a Galicia coas máximas garantías para facilitar o seu asentamento e desenvolvemento laboral.