O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á cerimonia de entrega dos VII Premios Cegasal, uns galardóns que recoñecen iniciativas vencelladas á inclusión laboral das persoas con discapacidade.

Rueda felicitou aos proxectos distinguidos nesta edición e agradeceu o seu esforzo para “avanzar cara unha Galicia máis xusta, inclusiva e equitativa para todos e todas”. Neste sentido, o xefe do Executivo galego, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo o foco sobre a importancia da economía social como xeradora de emprego e riqueza con perspectiva equitativa e sustentable. “A diversidade é unha fortaleza e a inclusión un motor de crecemento social e económico”, subliñou o presidente.

Neste sentido, Rueda destacou o papel central dos centros especiais de emprego cara unha sociedade máis inclusiva e xusta, incluíndo á propia Cegasal (Asociación Empresarial de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro). Galicia conta con 133 entidades deste tipo, apoiadas desde a Xunta a través dunha orde específica de axudas enmarcada nos preto de 45 millóns de euros que destina á economía social en 2025.

Este impulso enmárcase na estratexia, ademais, na Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, que conta con máis de 170 millóns de euros de orzamento, e que aspira a xerar 4.000 empregos e 400 novas entidades nos vindeiros dous anos. O obxectivo é reforzar o papel transversal da economía social no conxunto da economía de mercado, incluíndo sectores como o industrial, o tecnolóxico ou o verde.

A economía social representa máis do 7% do PIB do territorio galego, e o emprego vencellado a este sector suma máis de 17.000 postos de traballo. Estes profesionais integran máis de 3.500 entidades espalladas por toda Galicia, das cales 230 naceron no último ano.

Gañadores dos premios

Na categoría de Comunicación, os gañadores foron os xornalistas Toni Silva, de La Voz de Galicia, pola súa reportaxe sobre integración de traballadores con discapacidade en Hornos Lamastelle; e Adrián Amoedo, de Faro de Vigo, pola súa peza sobre a inserción laboral de persoas con discapacidade na planta de reciclaxe de Coregal, en Mos.

No premio para Empresas, os gañadores foron Desarrolla e Opositaest, que viron recoñecido o seu compromiso coa integración laboral e responsabilidade social corporativa. Namentres, no eido da Administración Local, o galardón foi para a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, polo seu apoio aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.

No apartado de Administración Autonómica, SEAGA foi galardoada pola súa implicacón con proxectos que fomentan a inclusión laboral de persoas con discapacidade. Finalmente, na categoría individual, homenaxe póstuma a José Luis Costoya, que foi presidente da Asociación Amarai, e que faleceu o pasado 2024.

Imaxes relacionadas

Loading...