O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo a importancia da formación e a sensibilización para promover a igualdade laboral entre mulleres e homes. Con ese fin, expuxo, xurdiron accións como o Campus en liña de igualdade laboral, que conta cunhas 8.000 persoas adheridas e no que se levan impartido 95 accións formativas -65 cursos formativos e 30 talleres- entre o 2021 -ano do seu nacemento- e 2024. Estas accións formativas completaranse con 26 máis programadas para este primeiro semestre e coas que no mes de xuño se prevé superar as 120 formacións desde o seu nacemento.
Así o sinalou hoxe na clausura da xornada de presentación dos resultados desta iniciativa e da programación para o primeiro trimestre deste ano, celebrada na cidade das TIC (A Coruña) e na que estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. Nela tamén participaron docentes e persoas usuarias das accións formativas do Campus en liña de igualdade laboral aos que o titular de Emprego agradeceu o seu traballo a prol de contornas laborais máis inclusivas. Ademais, felicitou ao alumnado desta plataforma formativa ao que se lle entregaron os certificados de aproveitamento dos cursos superados no 2024.
En relación coa participación neste espazo formativo, destacan as persoas traballadoras por conta allea que ocupan un posto técnico ou directivo nas súas empresas e a maioría das persoas usuarias pertencen, fundamentalmente, aos sectores de servizos profesionais, agroalimentario e industrial. Ademais, en canto ás 26 accións a impartir neste primeiro semestre, explicou que se abordan temáticas como o fomento da presenza de mulleres nas empresas técnicas, tecnolóxicas ou a obriga de adoptar medidas de igualdade en empresas de menos de 50 persoas traballadoras, entre outros.
Outras medidas
Esta plataforma de formación online forma parte dunha ampla batería de medidas entre as que salientan outras como a primeira estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados para promover o liderado das mulleres na que está a traballar o Goberno galego. Neste mesmo eido destacan os 1,7 M€ para promover a presenza feminina en sectores masculinizados dentro do programa Galicia Emprega 2025 (case 20 M€) e tamén con outra partida específica para mulleres (7M€).
Ademais, estase tramitando a que será a certificación galega de excelencia en igualdade. Trátase dun distintivo, incluído na Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que permitirá recoñecer ás empresas galegas que destacan na aplicación das políticas de igualdade de xénero. Outras actuacións dirixidas a promover a equidade de xénero ás que se referiu José González son os apoios dirixidos aos gabinetes técnicos en igualdade laboral dos sindicatos e organizacións empresariais, a plataforma virtual transfronteiriza Iqual Campus e os programas Lideramos e Ti elixes.
Estas actuacións contribúen a seguir avanzando cara a unha igualdade efectiva e en resultados como a taxa de mulleres activas de entre 16 e 64 anos, algo maior en Galicia que no Estado, segundo reflicte a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do 4º trimestre de 2024, e as últimas cifras de paro rexistrado, que amosan que a de mulleres desempregadas foi a máis baixa dun mes de febreiro desde que hai rexistros (2005), cunha redución de -7,35% con respecto a hai un ano.