A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, defendeu este venres a igualdade de xénero á hora de optar a un posto de traballo durante a xornada organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela no Pazo de Santa Teresa da vila con motivo do Día Internacional da Muller.
A representante autonómica destacou que “son necesarias oportunidades laborais para as mulleres” e sinalou que “desde a Xunta traballamos para ofrecer formación nas mesmas condicións” que permitan acudir con garantías ao mercado laboral. Así o fixo durante a celebración da conferencia “Igualdade de xénero e oportunidades laborais” enmarcada no Programa Integrado de Emprego (PIE) que financia a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Ortiz apuntó que o curso conta cun investimento de 220.000 euros no que un total de 100 mulleres desempregadas reciben formación sobre comunicación, intelixencia emocional, traballo en equipo, manipulación de alimentos, xestión e prevención de riscos laborais, emprendemento, ecoturismo, ofimática, intelixencia artificial e coaching para desenvolvemento persoal.
Ademais, a delegada territorial enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos. Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.