A Xunta ten aberto o prazo de presentación de solicitudes da nova convocatoria das axudas para financiar as unidades formativas en empresas, que conta cun orzamento de 8 millóns de euros. O obxectivo é impartir cursos que solicita o propio tecido produtivo, co compromiso de contratación de entre o 40 % e  60 % do alumnado participante.

Así o explicou hoxe en Vilalba o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, durante unha visita ao centro Forma-T, que o ano pasado impartiu seis cursos no marco deste programa.

A través deles 83 persoas desempregadas melloraron a súa capacitación nas especialidades de reparación e manexo de equipos de recolección de biomasa forestal;  reparación e mantemento de pas eólicas; e mantemento de parques eólicos.

Este programa impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración busca levar ás empresas formacións flexibles e á demanda das súas necesidades reais e das súas perspectivas de crecemento. Ao mesmo tempo facilítase a  cobertura de vacantes e ofrécense oportunidades laborais ás persoas sen traballo.

Beneficiarios e detalles da convocatoria

Poden optar a estas axudas as empresas —soas ou agrupadas temporalmente—; entidades e titulares de centros inscritos para impartir formación profesional para o emprego na comunidade e, como novidade, entidades sen ánimo de lucro, como as asociacións empresariais.

Ao respecto dos cursos, serán presenciais e poderán realizarse nas propias empresas ou en entidades de formación homologadas. O compromiso de contratación será polo menos do 60% do alumnado se o contrato dura como mínimo seis meses; ou do 40 % se é por un período igual ou superior aos 12 meses.

O prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 30 de setembro de 2025 e a data límite para a realización das accións formativas é o 28 de novembro.

Loading...