A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce e pola presidenta da Federación Galega de Socorrismo, Nuria Rodríguez, visitou, as instalacións desta entidade para supervisar os cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que está organizando a federación. En total, recibiron case 307.000 euros para levar a cabo 7 cursos centrados en Socorrismo en Instalacións Acuáticas (3), Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais (3) e Coordinación de Servizos de Socorrismo en Instalacións e Espazos Naturais Acuáticos, o que lles permitirá formar a 105 alumnas e alumnos.
Na visita informou que na cidade da Coruña reciben estes apoios un total de 24 entidades para levar a cabo 127 cursos cun apoio da Xunta de máis de 6,1 millóns de euros. A delegada destacou a importancia destes cursos que “permiten formar a persoas desempregadas en especialidades que contan cunha gran demanda de profesionais cualificados, especialmente neste caso no que se imparte a formación necesaria para ser socorristas”. O éxito destas accións, segundo explicou Belén do Campo, pódese comprobar coa “altísima taxa de empregabilidade do alumnado que remata as formacións”.
As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais en cada materia e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.
Esta orde resolveuse en 2024 por un importe próximo aos 72,1 millóns de euros para impartir un total superior aos 1.500 cursos, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.
A delegada da Xunta considerou de “gran importancia” estes cursos e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.
Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego.
Convocatoria axudas Xunta
A delegada da Xunta tamén informou, na visita, da próxima convocatoria para apoiar as administracións locais na contratación de socorristas de cara á próxima campaña de verán. A nova orde de axudas, dotada con 1,5 millóns de euros, publicarase esta semana para facilitar a súa resolución antes do período financiable, que vai do 1 de xuño ao 30 de setembro deste ano.
Como novidade, Belén do Campo explicou que esta convocatoria se reforza ao permitir chegar a máis beneficiarios, xa que poderán acceder a ela tanto os concellos de xeito individual como as mancomunidades de municipios que presten o servizo de salvamento e socorrismo de xeito conxunto.
Así, a Xunta continúa a mellorar as condicións desta liña de axudas, que xa no pasado exercicio ampliou a tipoloxía de gastos subvencionables ao darlle cobertura tanto ao persoal propio destinado ao servizo como á prestación a través dunha empresa externa. En todo caso, as persoas que realicen estas tarefas deben estar dadas de alta no Rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia.
Segundo lembrou Belén do Campo a boa acollida desta medida reflectiuse no incremento de solicitudes, que ademais foron atendidas na súa totalidade con 185 concellos beneficiados, 30 máis que en 2023. As axudas permitiron cubrir ata o 75% do gasto cun máximo de 35.000 euros.
Con esta orde a Xunta quere facilitar a contratación de socorristas como parte da competencia en materia de salvamento en instalacións acuáticas de titularidade municipal e en praias que, como lembrou a directora xeral, segundo establece a lexislación é exclusivamente local. Reafírmase así o compromiso e vontade de colaboración cos concellos.