O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste ano do Bono consolida economía social, dotada con 2,73M€. Con estas achegas, o Goberno galego apoia a consolidación das entidades da economía social de Galicia e contribúe a reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade.

Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025 en equipamento informático, software, márketing, eficiencia enerxética, elementos de transporte, formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (Reta) ou reformas que se realicen en calquera instalación do centro de traballo.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 21 de febreiro e prolongarase ata o 21 de abril. Estas axudas, que se convocan desde o ano 2021, beneficiaron no 2024 a preto de 160 entidades, coa previsión de acadar as 200 solicitudes concedidas este ano.

Estas axudas súmanse ás específicas para que as entidade asociativas máis representativas do sector poidan sufragar os seus gastos de funcionamento, dotadas cun orzamento de 330.000 euros e que están abertas ata o 4 de marzo e ás do programa Aprol Economía Social por valor de 5 M€ para fomentar o emprego e a mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, publicadas no DOG hai uns días e con prazo de presentación de solicitudes desde o vindeiro 17 de febreiro ata o 16 de setembro deste ano.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250211/AnuncioG0767-150125-0003_gl.html

Loading...