A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá no centro de emprego municipal aos alumnos que están a participar no obradoiro dual de emprego Lavadoiros de Ferrol 1, promovido polo Concello cun investimento de preto de 206.000 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Os dez participantes formaranse durante 9 meses na especialidade de fábricas de albanelería. Como en todos os obradoiros duais de emprego, os alumnos completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas; neste caso a reparación dos lavadoiros da Feira do Dous (Serantes), Pedreira (Covas), Vila da Igrexa (San Xurxo) e o lavadoiro de Covas.
Durante a visita, na que estivo tamén acompañada do director territorial da Consellería, Juan José Couce, Aneiros interesouse polo grao de satisfacción dos alumnos con este itinerario formativo e animounos a aproveitar ao máximo esta oportunidade para reinsertarse no mercado laboral “cun perfil máis cualificado e enfocado ás demandas reais das empresas”, dixo.
A representante do Goberno galego destacou a importancia da colaboración entre administracións en materia de emprego para mellorar a empregabilidade dos veciños de Ferrolterra e puxo á súa disposición as axudas e programas autonómicos.
Este é un dos catro obradoiros duais de emprego que a Xunta financia este curso 2024-2025 en Ferrolterra cun investimento de 1,3 M€. Deles beneficiaranse 65 persoas en situación de desemprego, priorizando a aquelas con dificultades para acceder ao mercado laboral.