A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou esta mañá a oficina de emprego de Santiago Norte, onde se vén de instalar un dos novos caixeiros que se irán implantando progresivamente en toda a rede a longo de 2025, no marco do proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia. 

A directora xeral puxo en valor as funcionalidades tecnolóxicas que ofrece esta nova infraestrutura para a renovación das demandas de emprego, petición de cita previa ou outras xestións, co obxectivo de axilizar trámites e incrementar a eficacia do Servizo. Neste senso, sinalou  que estas melloras van en paralelo con outras medidas impulsadas polo Goberno autonómico para reforzar o labor das 54 oficinas de emprego de Galicia, como o impulso da ferramenta de intelixencia artificial EMi para casar oferta e demanda, o continuo reforzo do persoal de orientación e prospección laboral ou o investimento de 1,6 millóns de euros que se destinará o vindeiro ano a obras nas oficinas de emprego.  

Loading...