O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar dúas ordes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que incrementan a dotación orzamentaria das convocatorias de apoio a centros especiais de emprego (CEE) e empresas de inserción. Así, a de CEE pasa dos 25,75 millóns de euros iniciais aos 30,85 millóns, mentres a de empresas de inserción elévase dos 1,5 M€ aos 1,83 millóns. O obxectivo é, en total, apoiar a empregabilidade de máis de 5.000 persoas. 

Centros especiais de emprego

Co fin de promover a creación, ampliación, mantemento e adaptación dos postos de traballo nos 132 centros especiais de emprego de Galicia, grazas á ampliación orzamentaria prevese beneficiar arredor de 5.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear 58 postos de traballo indefinido. Ademais, contrataranse 126 profesionais para dar apoio nos CEE a 924 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo. 

A iniciativa inclúe tres liñas de axuda: unha para o mantemento do custo salarial e dos empregos das persoas traballadoras con discapacidade dos CEE (que recibirán importes equivalentes ao 50% do Salario Mínimo Interprofesional), outra para financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades que prestan apoio a esas persoas con maiores obstáculos para atopar traballo e unha terceira para dar estabilidade empregos mediante a contratación indefinida (máximo de sete postos por centro subvencionables) con incentivos de ata 25.000 euros por posto creado a xornada completa en función das características da persoa traballadora, así como para a adaptación de postos de traballo ás condicións das persoas con ata 2.000 euros por cada un.

Cómpre engadir que, como novidade, a convocatoria deste ano contemplaba incentivos de 300 euros polo paso dun traballador con discapacidade á empresa ordinaria.

Empresas de inserción

No caso da orde para empresas de inserción, o obxectivo é a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. A previsión grazas á ampliación orzamentaria é mellorar as oportunidades dunhas 167 persoas con dificultade para traballar e facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario, así como sufragar os custos salariais de 10 persoas de nivel técnico ou directivo nestas entidades de inserción.

Como requisito, as empresas solicitantes debían ocupar o seu cadro de persoal con cando menos o 30% de persoas en situación ou risco de exclusión social. 

Esta liña de apoios artéllase en dous programas. O primeiro está destinado a incentivar a incorporación destas persoas desempregadas, financiando o custo salarial cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Mentres, o segundo inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación. 

Con estas iniciativas, a Xunta está a promover tanto os centros especiais de emprego como as empresas de inserción como recursos para facilitar a incorporación efectiva ao mercado laboral ordinario das persoas con máis dificultades para atopar traballo.

Ligazón ás ordes no DOG: 

Centros especiais de emprego:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241227/AnuncioG0767-231224-0001_gl.html

Empresas de inserción:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241227/AnuncioG0767-231224-0004_gl.html

Loading...