A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe en Nigrán no acto de presentación dos nove itinerarios de formación profesional dual adaptada para persoas con discapacidade intelectual promovidos nun total de seis centros especiais de emprego no marco da convocatoria específica da Xunta que prolongará a súa execución deica 2027. Alí, Mariño destacou as accións nos sectores do comercio, da hostalaría, da xardinería, da xestión forestal e da limpeza das que se poderán beneficiar un total de 90 persoas.
En concreto, as entidades beneficiadas son San Xerome Emiliani, Fundación Juan XXIII, Lume Emprego, Juan María Empleo, Aspaber e Servinserta, cun valor total de axuda concedida que supera os 3,3 millóns de euros. A directora xeral puxo en valor o acto de hoxe como oportunidade de encontro entre os equipos de profesionais e o alumnado que está a participar na iniciativa, de cara a avanzar na cualificación e na integración no mercado de traballo de persoas con discapacidade intelectual que poderán combinar formación cun posto de traballo nun centro especial de emprego ao longo de tres anos.