Un total de 27.000 profesionais da sanidade pública galega formáronse en cursos de igualdade e control da violencia de xénero, aprendendo a detectar estas situacións e a actuar nestes casos.
Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no acto de inauguración da Xornada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller organizada polo Servizo Galego de Saúde. O acto contou coa participación do director xeral de Loita contra a violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, Roberto Barba.
O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde incidiu no papel crucial que desempeñan os profesionais do sistema sanitario público galego á hora da detección, atención e acompañando ás mulleres que sofren violencia de xénero.
Gómez Caamaño subliñou que o seu departamento leva anos poñendo en marcha medidas, protocolos e formación para contribuír á eliminación da violencia de xénero.
Entre os avances conseguidos, o conselleiro citou a elaboración, a finais do ano 2020, dun Procedemento de cribado e actuación en saúde, para mellorar a detección precoz e atención ás mulleres en situación de violencia de xénero que acoden aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.
Xunto ao anterior, tamén se aprobou un Procedemento de atención a vítimas de agresión sexual e outro de actuación ante casos de sospeita de submisión química, ambos os dous elaborados por profesionais do Sergas e que foron actualizados este mesmo ano.
O conselleiro de Sanidade reiterou o compromiso do seu departamento na loita contra a violencia de xénero e púxose ao servizo da Consellería de Política Social e Igualdade para frear esta problemática.
A esta vontade de actuación conxunta entre estes dous departamentos da Xunta responde a creación dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual que pronto botarán a andar nos hospitais galegos, logo dun investimento de 11 millóns de euros. A través destes centros, a Consellería de Política Social ofrecerá atención psicolóxica, social e xurídica os 365 días do ano de forma totalmente gratuíta.
Agradecemento aos profesionais
Gómez Caamaño agradeceu o traballo a todas e todos os profesionais do Servizo Galego de Saúde, persoal médico, de enfermería, matronas, psicólogos, traballadores sociais, e tantos outros que cada día desenvolven o seu labor co fin de facer fronte a esta lacra.
Así mesmo, destacou o traballo e implicación dos distintos departamentos da Xunta, especialmente da Consellería de Política Social e Igualdade, así como a colaboración doutras institucións como o Instituto de Medicina Legal de Galicia, Imelga.
O conselleiro rematou a súa intervención lembrando que a violencia contra as mulleres é un problema social que compete a todos e só mediante a colaboración, o compromiso e a acción sistemática será posible erradicar este mal estrutural.