O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe xunto ao xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) na clausura do Exercicio de simulacro con simulador de grandes emerxencias na zona transfronteiriza, unha acción formativa enmarcada no programa Asistencia Transfronteiriza de Emerxencias (Atempo), que resultou beneficiaria da terceira convocatoria das axudas do Programa Operativo Interreg V-A España Portugal (POCTEP) para o período 2021-2027.
Na actividade levada a cabo na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) impartiuse a metoloxía GOM (xestión operativa e mando), que inclúe exercicios de situación táctica (SITAC) e simulacións en maquetas.
Santiago Villanueva puxo en valor a importancia da cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias para mellorar a eficacia na xestión das incidencias a ambos lados da raia como incendios forestais ou inundacións.
Nesta liña, o programa Atempo pretende non só reducir os tempos de resposta ante unha emerxencia en zonas de fronteira senón anticiparse e previr as catástrofes relacionadas co cambio climático mediante o fomento da innovación con ferramentas como a intelixencia artificial ou os mapas de isocronas. Inclúe tamén a formación conxunta de efectivos como a realizada estes días na Agasp, así como a posta en marcha dun marco común de certificación de habilitación para a xestión de emerxencias entre España e Portugal; investimento en equipamentos e vehículos e o fomento da concienciación da poboación para facer fronte a catástrofes derivadas do cambio climático na zona de cooperación.